Opinión

Lugares de memoria: todo por facer

Hai pouco estiven no Mosteiro de Oseira. A impresión foi semellante á que produce a Illa de San Simón: beleza mesturada, traxedia mediante, coa lembranza do que alí se padeceu. Cunha diferenza: malia o desleixo programado a mantenta polo PP, a Illa xa non agacha o seu pasado como Colonia Penal pola que pasaron milleiros de presos, ben deles asasinados tras as sacas dos falanxistas ou finados polas duras condicións do presidio. Porén, en Oseira nada nos recorda nin na súa monumentalidade nin no relato dos guías, que alí no ano 1937 estiveron 290 presos amoreados, que traballaron como forzados na súa rehabilitación, nas obras da catedral ourensá ou do campo de traballo para penados políticos de O Cumial. Ninguén que visite os impresionantes claustros e salas do recinto pode sospeitalo tan sequera.

O mesmo acontece no Mosteiro de San Clodio, no Ribeiro, rehabilitado como hotel de luxo; no Seminario de Ervedelo, en Ourense; nas minas de antimonio de Vilarbacú, no Courel; no Mosteiro de Oia, tamén a piques de se acondicionar como estabelecemento hoteleiro; no desolado colexio dos Xesuítas de Camposancos; na vella fábrica de salga de Anido, en Muros, reconvertida en restaurante; no castelo de Santo Antón, na Casa das Cigarreiras e no chalé de Escudero, que foi "checa" facciosa, na Coruña; nas vellas cadeas de Quiroga, Manzaneda, Sarria e Bande; nos castelos de Vimianzo, Viana do Bolo e Castro Caldelas; no Instituto e no Seminario de Tui; nas pontes de Castrelo do Miño, Bibei e O Barqueiro; na Escola Normal de Pontevedra; na ruinosa cadea provincial de Ourense; na desmantelada Base Naval de Ríos, en Vigo-Teis; no Arsenal ferrolán; na antiga Casa do Pobo de Cangas e no local da "Solidaridad Marinera" de Moaña, ocupado hoxe polo Clube de Xubilados; no Pósito de Pescadores de O Pindo, etc. En todos estes lugares, e moitos outros máis, hai unha historia dos desposuídos masacrados que pode e debe ser contada...

Mais tamén outros espazos desapareceron, sen que a penas ficasen pegadas do que alí aconteceu. Daquela, os que ben puideron ser lugares de memoria transmutaron en lugares de esquecemento; triste cartografía silenciada, testemuño dunha sociedade sustentada nun corpo social indiferente que, maiormente, rexeita conservar a memoria do horror franquista, porque non o considera útil para o país. Velaí: os vellos cemiterios de Lugo, cuxo solar ocupa hoxe un hotel, e o de Canido; a cadea compostelá de Santa Isabel; os espazos que ocuparon os campos de concentración ou de traballo de Padrón, A Pobra, Muros (a vella fábrica de salga de Vieta, recentemente demolida), Casaio, O Cumial, a "Escollera" do Arsenal de Ferrol, Betanzos e Lavacolla; os sinistros cuarteis da Garda Civil de Coruña e Pontevedra; a Casa do Pobo da UGT confiscada pola Falanxe e o frontón da rúa María Berdiales, en Vigo; a fábrica de conservas de Cervera en Cangas…

Na Galiza perdura un relato amable do franquismo, que presenta ao país entregado sen máis represalias que as provocadas por xenreiras persoais e sometido de bo grao a un réxime paternalmente autoritario. As cifras de vítimas do Proxecto "Nomes e Voces" negan esta visión, mais hai dificultades para que a sociedade desbote o desleixo ou a "memoria dos vencedores" nos que foi educada. Entón, se o conciliador relato do franquismo segue a ser hexemónico, cómpre deslexitimalo mediante políticas de memoria comprometidas co referente republicano que, coa tépeda excepción do bipartito, até agora ningún goberno da Xunta levou a cabo.

Daquela, é urxente eliminar os restos de simboloxía franquista no espazo público, configurando unha rede diversa de Lugares de Memoria visitables, que permita interpretalos dende a magoada dignidade das e dos oprimidos. En Catalunya teñen o Memorial Democrátic; en Alemaña, as "stolpersteine", pedras que lembran ás vítimas do nazismo; en Arxentina, as "baldosas por la memoria". Nós, na Galiza, temos a vontade do movemento memorialístico, o coñecemento das e dos investigadores, a capacidade das e dos creadores e a base material de Universidades, Concellos, Deputacións e outras entidades.

Todo por facer.

Comentarios