Opinión

As guerras de África e a cultura popular galega

É imposible determinar cantos soldados galegos pasaron polo Rif entre 1859 e 1927, pero foron tantos milleiros que, mediados os anos 20, Ánxel Casal afirmaba que un dos principais mercados da Editorial Nós eran os recrutas destinados en Marrocos. Mesmo a persistencia do elemento galaico nos corpos expedicionarios conformou certa mitoloxía de orixe popular que non dubidou en facerse eco duns comportamentos tan heterodoxos, como pouco considerados na historiografía. Así, hai quen conta que no transcurso da contenda algún soldado aveciñado na Terra dos Garabullos (A Bola), atopou galegos combatendo do lado rifeño!. E tamén que, tras Annual, algúns compatriotas dispersos levaron a cabo unha peculiar integración nas kábilas:

“Unos cuantos soldados gallegos iban de paseo por tierras del Rif, y en un arrabal marroquí hallaron con un grupo de moros que lo rodeaban atentamente, a un rifeño barbudo, de pelo largo y facciones morunas, que al parecer…repetía:

Jam-Alá, Jam-Alá!

Uno de los soldados referidos, después de estar viendo lo que hacía y oyendo lo que decía el del centro del corro, en la creencia firme de que no le entendían más que sus compañeiros, exclamó:

¿Qué lle estará dicindo este tío carallo ós que o rodean?...

Y cual no sería su asombro, cuando oyó al que suponían santón, que dijo, sin volver el rostro, desde el centro del corro:

Estaivos por ahí que xa vol-o contarei…

Esperaron…Llegado el momento les contó lo ocurrido. Que era un soldado Gallego …que se había salvado del desastre de Annual por pies y por arte…y conocedor de parte de las costumbres moras y del árabe, se arrimó a la primera kábila que halló, como pordiosero. Se amañó, se hizo santón o brujo, y vivía de su oficio tan cristianamente…” (D. Álvarez, Jergas de Galicia).

Esta tradición oral, ten reflexo nos romances de cego ou cantares recollidos Galiza adiante por Dorothé Schubarth ou Mini e Mero; entre eles hai algúns de orixe español moi coñecidos (“En el Barranco del Lobo”), mais tamén outros propios cantados por toda a nosa xeografía, que nos transmiten o fondo impacto que as tirapuxas coloniais deixaron no imaxinario colectivo da veciñanza. Nos que Mini e Mero incluíron no volume Cantos, Coplas e Romances de Cego e na web O Canto do Pobo, atopamos cantares que fan alusión a prófugos dos “Penales Menores” africanos (Alhucemas, Vélez, Chafarinas…), reconvertidos logo en combatentes rifeños (“Un Cabecilla Rifeño natural da Coruña”), á figura do líder Abd el Krim, aos desamores que a guerra carrexou ou, mesmo, a unha hilarante descrición do ben dotados que estaban os mouros recollida en Arxeriz (Friol).

Ao cabo, tampouco faltan sorprendentes relatos que mesturan as historias de “mouros” de “acá e de acolá”, tal que a recollida pola Revista Nós en 1927 e relativa ao Castro de Morgadán (Carballedo). Por aquela contorna, os etnógrafos da Sección de Prehistoria do SEG inventariaron o conto dun recruta natural da bisbarra que, estando preso dos kabileños, seica escoitoulle dicir a un dos seus gardiáns verbo da importancia do castro en cuestión:“¡De lo mucho que hay allí me contentaba yo con la silla del rey moro!...”. Semella que o devandito vínculo entre hiperbólicas riquezas castrexas e “mouros” contemporáneos da Guerra de África non remata eiquí, pois o profesor Manuel Gago recolleu unha lenda parecida na aldea de Confurco, perto do Castro Valente (Pontecesures), onde unha vella contoulle: “Cando nos marcharon os homes á Guerra de África, os mouros de alá dicíanlle aos paisanos: “España, España. Alí está o Castro Valente, onde lle tirabamos ás cabras con croios de ouro”.

Aínda máis, como sinala o historiador Raúl Soutelo, aqueles humildes traballadores do mar e da terra destinados no Rif produciron documentos cando escribían aos seus achegados; unha escrita de supervivencia hoxe atesourada polas familias e que está por pescudar. Fica claro, entón, que a masiva presenza de rapaces das nosas vilas, aldeas e cidades nas guerras africanas, deixou pegada na cultura do país. Unha pegada pouco coñecida, que cómpre desvelar.

Comentarios