Opinión

Estamos en débeda

A brutalidade extrema dos Tercios da Legión ou o corpo de Regulares, na derradeira guerra de África (1921-1927), tivo continuidade tras o golpe militar do verán de 1936. Porén, e malia as probas de que a muller foi botín de guerra, apenas hai na historiografía hispana obras divulgativas que aborden a cuestión.

Non é doado escribir estas letras arredadas da preocupación viral destes días, porque a mente lisca, fuxe a territorios nos que a incerteza e o medo imperan. Mais dándolle unha volta, se acaso algo si teñen que ver, porque o maltrato do corpo da muller como arma de guerra vén sendo unha criminal pandemia esparexida en todo tempo e lugar na patriarcal historia da Humanidade; porén, tan só tras as estarrecedoras guerras iugoslavas de fins do século pasado, pasou esta moura temática aos medios de comunicación de masas.

Xaora, cómpre dicir ás claras que ningún dos países que presumen de “modernidade” está libre desta práctica, tal e como a nada modélica historia colonial de Europa, Xapón e os EEUU constata. Un dos casos máis noxentos do emprego planificado e sistemático da tortura e violación de mulleres, coa finalidade de control e dominación social mediante o terror e a vexación, é o da intervención colonial francesa en Alxeria, Marrocos e Tunisia, episodio cuxa resolución aínda hoxe non está pechada nun país que se recoñece a si mesmo como “berce das liberdades”. De feito, a recente (2018) aparición do libro Sexe, Race et Colonies. La domination des corps du XVe siècle à nos jours (P. Blanchard et al, Ed. La Découverte), xerou un intenso debate alén dos Pireneos, debate agora estendido a Marrocos tras a non menos recente publicación (novembro 2019) do Dossier “L´autre visage de la colonisation. La domination par le sexe” na revista Zamane, seguindo o ronsel da obra citada.

Nese período, a cabalo entre os séculos XIX e XX, tampouco a acción colonial hispana no Maghreb foi allea ao abuso sexual como acto de guerra e ás prácticas segregadoras entre colonizadores e colonizadas. Lamentablemente, a historiografía española (tamén a galega) continúa a obviar un segredo a voces: o escritor catalán Josep Maria Prous i Vila, que visitou Monte Arruit como membro do corpo expedicionario meses despois do Desastre de Annual (1921), recolleu versións conforme a que a castración e tortura de soldados hispanos foi obra de mulleres indíxenas que padeceran numerosos abusos e violacións con anterioridade. Daquela en 1911, moito antes dos sucesos de Annual/Monte Arruit, o galego vocacional Luis Antón del Olmet xa se fixera eco do emprego no Rif da extrema agresividade de xénero por parte dos militares españois, na súa arrepiante novela Un sol bárbaro, muere.

Neste eido, a brutalidade extrema con que se conduciron na derradeira guerra de África (1921-1927) os Tercios da Legión ou o corpo de Regulares, tivo continuidade tras o golpe militar do verán de 1936; porén, malia que hai probas bastantes de que a muller foi botín de guerra (con maior intensidade no bando dos vencedores), apenas hai na historiografía hispana obras divulgativas que aborden a cuestión, agás os traballos de Enrique González Duro e Maud Joly no ámbito estatal, e os de Julio Prada, Cilia Torna ou Montse Fajardo no caso galego. É, por tanto, unha tarefa pendente.

Como a cultura da violación non coñece fronteiras, é preciso lembrar que, nunha salvaxe represión nunca recoñecida de xeito oficial, os que humillaron, forzaron e logo asasinaron Anuncia Casado nas Terras de Viana, Carmen Sarille en Montecubeiro (Castroverde), Juana Capdevielle en Rábade e a tantas outras, eran galegos. Unha (in)cultura da violación propia de sistemas autocráticos, patriarcais e imperialistas, que tamén practicaron algúns compatriotas incorporados á milicia colonial española nas devanditas guerras do Rif: no periódico ferrolán El Correo Gallego correspondente ao 20 de Outubro de 1909, un daqueles soldados relata en galego e con toda normalidade como atacan unha desarmada parella de namorados indíxenas, matando ao home e tentando abusar da muller. Non é prato de bo gusto, mais certo rexionalismo anterior ás Irmandades acreditou na compatibilidade entre a “patria común” (España) e a “patria chica” (Galiza), asumindo esta última a traxectoria militarista e imperial da primeira, frustracións e atrocidades incluídas…

Porque ese pasado non está cancelado, estamos en débeda. Con todas elas.

Comentarios