Opinión

Desconfianza

O roteiro da xudicatura española tras a Transición, resúmese nunha imaxe deportiva: o árbitro está comprado. A súa arbitraxe, mediatizada pola alternancia PP/PSOE, está deslexitimada. En España non hai nin división de poderes, nin xustiza: só código penal aplicado, en vinganza, ao inimigo. E tanto ten a dereita neofranquista como a socialdemocracia vergoñenta e os seus satélites. Exemplos hainos: na mutilación do Estatut no TC (2010) participaron membros dese Tribunal achegados ao PSOE; un dos xuíces do Supremo que condenou os líderes cataláns era o pontevedrés Luciano Varela, fundador de “Jueces para la Democracia”, entidade á que pertence Ana Mª. Ferrer, maxistrada da JEC próxima aos socialistas que contribuíu a inhabilitar ao MHP Joaquim Torra… Desconfianza.

Todo o mundo a falar do "deep state" ao servizo da caverna, axexando a Pedro Sánchez... Mais a inhabilitación de Torra/Junqueras foi posíbel pola modificación da LOREG impulsada (tamén no 2010) por UPyD e apoiada polo PP/PSOE; a maiores, a propia JEC ten oito membros nomeados polo CGPJ, que, como se sabe, está controlado polo PP/PSOE... Daquela, o Goberno non sabía o que ía decidir a susodita JEC? Iso non o cree nin o máis cándido. Desconfianza.

Antonio Baños, xornalista catalán: "Diuen els progres que el deep state és de dretes. Per això el GAL...". Falando de “estado profundo”, alguén lembra quen promoveu contra Batasuna a Lei de Partidos de 2002, pioneira niso de gañar nos xulgados o que non se gaña nas urnas, o "lawfare" pois? Nunca se lle recoñecerá dabondo ao réxime 78 (hoxe consolidado pola oratoria parlamentar e o lusco-fusco dos despachos) a súa cerna innovadora... Non virá mal lembrar que o PSOE é un apoio decisivo para un réxime lastrado polo franquismo. Desconfianza.

Cismo que o tal “estado profundo” non se pode disociar do estado emanado dun pacto cos herdeiros de Franco e lexitimado pola Transición. Daquela, hai un PSOE proclive á súa democratización? De Felipe e cía, xa sabemos; mais quen é o “policía bo”?: o Zapatero do 135, a reforma laboral e do Estatut “cepillado” nas Cortes? O Sánchez que agora vai ascender aos ceos, pero que hai nada esgrimía o 155, ameazaba con ilegalizar grupos indepes, ou defendía a violencia policial nas rúas de Barcelona tras a sentencia do TS? E, pregunto, non nos arrepentiremos de branquexar o PSOE nunha etapa na que será fulcral o debate verbo de se é posíbel a reforma do estado? Desconfianza.

O pacto de investidura de Sánchez foi como pasar o río do esquecemento, o Lethes limiao: ninguén lembra xa a súa ampla folla de servizos, dende ampliar a lei mordaza ás redes, até asociar a Torra coa violencia construída polo tridente xurídico-mediático-policial que argallou a “Operación Judas”, pasando polo submiso recoñecemento de Guaidó como Presidente interino de Venezuela.
Xogamos con lume; logo, ven o "fuego amigo" e andamos nos biosbardos... para grande contento do facherío. Desconfianza.

Non discrepo da avinza BNG/PSOE co gallo da investidura. Se en Catalunya a lexitimidade hispana (aínda) está en cuestión, na Galiza non acontece tal. Daquela, o BNG actuou con sentidiño e retorna cun fardel de boas intencións que, concretadas, serán positivas para o país. Dúas realidades distintas, dúas estratexias diferentes, pero, se cadra, haberá coincidencias no futuro, sempre e cando saibamos con quen se trata: o PSOE non é ningún amigo, ningún aliado. Desconfianza.

A “Operación Judas” foi unha provocación do Estado para lapidar a disidencia en Catalunya, de acordo co camiño encetado na Transición no que a cultura do consenso marxinou á cultura do disenso. Entre nós, a “Operación Jaro” contra Causa Galiza pretende impedir, ao cabo, que o arredismo emerxente ocupe un papel relevante no futuro do país. En Catalunya, o Estado non puido dividir o independentismo en dialogante versus violento; eiquí, de nós depende rexeitar a chantaxe dun independentismo aferrollado e un nacionalismo sempre baixo sospeita. Solidariedade coa nosa xente; desconfianza no réxime alleo.

Comentarios