Opinión

Cun pé no estribo

A piques de retornar a Marrocos, ao Rif, xurde a ocasión de compartir con SERMOS a última estampa dun intenso verán. Unha estampa rifeña que, malia estar certo de non ser acaída para un tempo caracterizado polo protocolo electoralista e institucional, apetéceme, se acaso por iso, enviar.

Tras o fracaso daquela magoada tentativa de superar os coutos pechados que foi Iniciativa pola Unión, apuntaba Manolo Rivas no propio SERMOS que naquela altura os "depósitos da esperanza" non estaban "na política", para mais adiante afirmar que a esperanza de supervivencia dunha Galiza escurecida politicamente residía na "creatividade da xente en diferentes eidos". Malia que, se acaso, non compartira con Rivas as motivacións do seu diagnóstico, si concordei coa súa formulación daquela e continúo en acreditar agora na súa actualidade: as persistentes vaguidades duns, a acomodación dos outros, o inacabable dominio do caciquismo corrupto dos de sempre..., nun contexto enlamado polo maioritario desleixo cara o propio (o territorio, a lingua, a comunidade...), pola falta de confianza en Nós diante da asimilación metropolitana ("Galiza non pode"), deixan ao meu entender, no curto prazo e neste ámbito xurídico-político, poucos recunchos de optimismo. Entre eles, a esperanzada certeza da nosa secular capacidade resistente para alimentar unha teimuda conciencia colectiva de diferenza, que puido manter ata o día de hoxe a súa fe de vida con moitas dificultades. 

Naquel territorio de paisaxe hostil e dura xeografía social, existe un amplísimo sentimento de valoración da propia identidade amazigh (bereber)

As percepcións que deita a vida no Rif son contraditorias, mais ás veces resultan enriquecedoras para enxergar dende aquela esculca ao teu propio país. Alí, naquel territorio de paisaxe hostil e dura xeografía social, existe un amplísimo sentimento de valoración da propia identidade amazigh (bereber), que teima en superar as tentativas de asimilación árabe e as dificultades para ter unha expresión política partidaria, algo que non contempla a actual Constitución marroquí. Mais o devandito sentimento é ben doado de observar por toda parte; unha mostra diso é a ubicuidade do símbolo yaz (a letra z do alfabeto tifinagh, de reminiscencias tuaregs), como icona que é recoñecida pola grande maioría da poboación e arestora representa nas marxes da Administración a unha identidade (complexa e suxeita a múltiples mestizaxes e interferencias) e a un país minorizados. Velaí: nas portas das casas ou dos estabelecementos comerciais; nos valos, nas pedras e nas fontes; nos rótulos das estradas; nos autocolantes ou nas bandeiras; na arte popular e no "tuneado" dos autos... É, mesmo, emocionante. Ademais, este rotundo éxito de autoidentificación, que conecta de maneira sobranceira coas capas populares e coa xente nova, non se remonta máis alá dos anos 80 do século pasado como resultado dunha paciente e intensiva campaña do vizoso tecido sociocultural rifeño, alentado pola militancia amazigh.

Na Galiza precisamos de propostas en clave construtiva que, sen dirixismos, impliquen a moit@s e diferentes para avanzar cara o proceso constituínte non subordinado que precisamos

Sempre que hai oportunidade, manteño que na Galiza precisamos de propostas en clave construtiva que, sen dirixismos, impliquen a moit@s e diferentes para avanzar cara o proceso constituínte non subordinado que precisamos. Daquela, logo dos reiterados comicios electorais, non sería un bo intre para que o activismo cultural do país sen exclusións acordara e impulsara un identificador colectivo, que aparecera acá e acolá alentando a nosa autoestima e o agarimo polo propio? Non sería acaído lexitimar, mediante un concurso de ideas de base popular, unha icona que non tivera dereitos de autor/a e puidera ser utilizada como imaxe corporativa "urbi et orbi"? Aínda máis: se cadra non se trata de "inventar" unha nova simboloxía e o que se precisa é arroupar en maior medida ou reformular a que xa existe para que sexa asumida pola maioría da sociedade galega, dándolle un pulo socializador mediante un proceso amplo, democrático e participado polo diverso tecido asociativo que xa está en activo. Sería cousa de falalo.

Sei que o asunto é complexo e que moitas preguntas fican sen resposta, eis: quen tería a autoridade recoñecida por uns e outr@s para lanzar a idea e para que esta non sexa patrimonializada de xeito sectario? Qué papel terían as institucións e as distintas opcións partidarias?. No aspecto territorial, contaríamos co activismo cultural da Galiza "irredenta" (Bierzo, Seabra...)? Partindo de que as iconas nunca son neutrais, pode servir a ocasión para debater encol dos trazos identitarios tradicionais que precisan unha pasada pola peneira?

Deixemos a cousa eiquí; sería en calquera caso unha iniciativa popular e compartida, que permitiría traballar cóbado con cóbado a persoas de idearios distintos pero conscientes do país no que viven; algo que sería auga de maio nestes días de confusión e desconfianza. Unha outra engaiolante "botella ao mar", como a que tras a Guerra Civil deitaron en Bos Aires Luis Seoane e Arturo Cuadrado e que, agora con toda humildade, viría das indómitas costas rifeñas.....    

Umbaad (ata logo en amazigh).

Comentarios