Opinión

Apuntamentos finais de Catalunya

  • A esperanza da creba do réxime do 78 pasa de xeito determinante polo que aconteza en Catalunya. Quen defenda procesos constituíntes nas nacións respectivas ou mesmo a República española, non pode ser indiferente.
  • Partidos como ERC e PdCAT, esterilizados polo seu medo ás represalias do Estado e lastrados por intereses de partido que priorizan o goberno autonómico sen cuestionar o marco xurídico-político español, se acaso xa non son operativos para acadar unha República de base popular.
  • As capas populares organizadas farían ben en recuperar a súa autonomía verbo de gobernos e partidos, e tomar a iniciativa ampliando o seu radio de acción e disputa do territorio. Nun contexto de división e desánimo, o pasado 30 de xaneiro a ANC (con reparos) e os CDRs  [Comités de Defensa da República] amosaron capacidade de convocatoria e contundencia. A determinación e a coordinación da xente mobilizada e autoorganizada é hoxe a única garantía de que a fase actual do conflito catalán non remate nunha dura derrota.
  • A construción dunha nova forza política alternativa, que represente, acompañe e defenda o devandito tecido popular autoorganizado, semella ser pertinente. As distintas correntes que poderían estar implicadas (CUP, Procès Constituent, Alternativa, Embat...) teñen unha oportunidade para capitalizar o descontento popular, tanto coa estéril parálise electoral/parlamentar como coas renuncias do resto das formacións políticas que se reclaman do independentismo. A formulación dun programa republicano rupturista de fondo contido social sería unha tarefa fundamental.

 

Comentarios