Opinión

Agresivo incidente no aeroporto de Madrid

Viñamos de Marraquech o día 14 de outubro, en voo de Iberia. Sobre as 20 h. comezamos a baixar do avión na Terminal 4S de Madrid, desprazándonos a pé cara á Terminal 4. Pasamos dous controis de seguridade, o primeiro normal, pero o segundo resultou agresivo por parte dos traballadores que alí había, dúas mulleres e dous homes. Unha, que nos apuraba para desprendernos das cousas metálicas, acirrándonos arreo con berros e mesmo ademáns de empurres, collendo ás veces as nosas cousas para metelas na fita que leva ao escáner, e desprazándose de uns a outros inquieta e nerviosa. Eramos unhas corenta persoas, atemorizadas, baixo ese medo que impón o abuso e autoritarismo e que non deixa pensar, só seguir o camiño da imposición. Foron uns vinte minutos angustiosos, cos outros compañeiros dela, sobre todo un, dando ordes tamén en ton militar para que sacásemos os zapatos ou abrísemos a maleta.

A escena dos nazis abourando os xudeos veume axiña ao maxín, e aínda agora, cando penso no que ocorreu, se fixa con dureza esa imaxe. Porque inxectar o medo, a desorientación, os berros desmedidos, a incredulidade no que está pasando é o mellor xeito de someter ou rematar coa vítima. Non quero esaxerar o acontecido, pero foi grave o que fixeron eses homes e mulleres, sobre todo a que desprazaba na fita as nosas pertenzas persoais. Graves porque ningún cidadán ten que aturar a humillación en ningún caso, e máis cando é atendido por xente que representa a administración. Ponme medo pensar na cantidade de inxustizas, abusos e tratos vexatorios que neste momento se están producindo no Estado Español porque son síntoma, quizais, dun recruamento da represión organizada e mesmo  potenciada desde distintos organismos. Esta xente que nos maltratou e acosou desa forma, son funcionarios? Son traballadores? Quen os manda? Quen lles dá ordes? Edúcanse na dialéctica democrática ou no abuso? Ou son traballadores e traballadoras contratados para que fagan o traballo do dobre da xente que sería necesaria? Por que non estaba aberta outra cabina de control para atender con normalidade a xente que alí nos amoreabamos? Por que non se respectou a legalidade que rexe estes actos?

Son funcionarios? Son traballadores? Quen os manda? Quen lles dá ordes? Edúcanse na dialéctica democrática ou no abuso?

 

Entre quen estabamos na sala de control habia tres persoas que por razóns físicas non podían seguir o ritmo das ordes autoritarias. Eu reaxín cando ollei as súas expresións de angustia e a súa parálise e daquela comecei a protestar. Uníronse algúns máis. Pero tiña medo de perder o control e pedinlle a quen me rodeaban que fixesen a denuncia correspondente. Fágoa eu pública e reclamo que se investigue esa actuación e que se pidan as responsabilidades deste abuso a quen corresponda. Nunca que se cale ou se ignore. Porque nisto está o freo a actitudes fascistas e mesmo nazis que se intentan introducir na nosa sociedade. AENA ten neste momento xa a miña denuncia.

 

 

Comentarios