Opinión

(Re)situarnos

“Os pobos, as clases e os colectivos sociais loitan continuamente por mellorar o seu nivel de vida, por ser felices” 
(Alberte Blanco)

En tempos de moderna aceleración, de individualismo, de fragmentación, de incertezas e débiles análises; o recente ensaio publicado de Alberte Blanco Casal -Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo- é un faro de luz que convida a parar, analizar, dubidar e reflexionar sobre o mundo actual e a súa realidade.

Cunha prosa excepcional e compresiva – a pesar da densidade da materia – o autor consegue presentar unha obra construída con inmenso traballo, non só de documentación senón tamén de observación dos feitos e avaliación do sistema e as súas relacións de poder. Estamos ante unha indagación que usa un método obxectivo e empírico na construción do relato e, a pesar da dificultade que supón ter unha predisposición ideolóxica, Alberte Blanco é quen de entender o pensamento alleo sen a aceptación do mesmo, un esforzo que leva a protexer ao lector/a da recepción dun produto de mala calidade escapando da visión dogmática e excluínte.

O comezo da lectura pode xerar certo desasosego e desesperanza –lasciate ogni speranza– pola contundencia da visión do presente que se debuxa e que sirve como punto de partida para a construción dunha perspectiva histórica do sistema capitalista e dos seus principais actores cun pleno coñecemento de que a relación entre os acontecementos non é casual. O autor incide na conxunción neoliberal e no estudo das súas elites como elemento para introducir as contradicións entre a globalización e a soberanía das nacións. Cómpre destacar que non todo é desesperanza, o propio Alberte Blanco sempre se define como persoa optimista, e conforme se vai mergullando na lectura tamén se van construíndo alternativas de confianza forxadas na fraqueza do propio sistema e do recoñecemento das potencias opositoras ao bloque neoliberal. Son estas  conviccións observadoras o elemento necesario para crear esperanza, incluso nestes tempos pandémicos aos que o autor adica parte das súas reflexións.

Alén da miña admiración e amizade con Alberte Blanco –no que se presupón o risco dunha lectura condicionada- non resulta complexo manter certa distancia e constatar o valor da obra. Resulta imposible sintetizar un estudo tan complexo nunhas poucas liñas pero si me atrevo a concluír que estamos ante un libro fundamental que nos permite (re)situarnos no complexo mundo actual, con análises honestos da realidade sobre os que poidamos tecer colectivamente un futuro alternativo de progreso social, xustiza e liberdade. Sendo estes valores os que sempre moveron a vida do autor, tanto no plano político como no social, aventúrome a afirmar que son estes ansiados ideais os que Alberte Blanco pretende trasladarnos con esta lectura tendo a certeza, tamén, de que hoxe resulta imprescindible parar para poder continuar.

Comentarios