Opinión

Xa vén o xabaril

Din que o camiño que leva ao Estadio de Riazor é un dos máis fermosos que existe, con pleno aroma marítimo. En Balaídos mestúrase a modernidade da nova cuberta da Grada Río, onde resoan os ecos da Roda, coa esencia operaria que vén da veciña fábrica do Grupo PSA. En Lugo, para chegar ao campo do CD Lugo, un ten que atravesar camiños de lama, pasar por un túnel que vai por debaixo da N-VI e que ben podería ambientar unha escena de Green Street Hooligans. Outra opción consiste en probar os baixos do vehículo subíndose por paseos ou leiras para dar cun oco. No inverno a secuencia complícase aínda máis para acceder ao feudo albivermello, coñecido oficialmente como Ángel Carro.


O paso dos anos galeguizou o nome até normalizalo como Anxo Carro, algo que a familia do susodito nunca viu con agrado. Carro cedeu os terreos para construír o campo precedente, coñecido como Os Miñóns. A súa condición de benefactor fixo que o seguinte estadio, xa á beira do Río Miño, seguira levando o seu nome. Este empresario foi presidente da Cámara de Comercio de Lugo e dende o primeiro momento do golpe de Estado do 36 púxose do lado do bando franquista. A relación fai que algún seareiro prefira referirse na actualidade á súa segunda casa como ‘Estadio do Miño’. Seguen o patrón habitual da maioría dos feudos galegos, bautizados coa xeografía (Riazor, San Lázaro, A Malata, O Couto, Balaídos…). 


No partido contra o Alcorcón, os valentes que foron ao Estadio do Miño nunha tarde fría e cun equipo en fase depresiva, tiveron que ter coidado cuns xabarís. Dende hai uns meses, unha manda de porcos bravos paséase pola cidade das murallas coma se fosen uns veciños máis. Só faltaría que despois de ver unha nova derrota na casa, os seareiros, por riba, fosen escornados por un animal salvaxe. Só iso lles faltaba aos 3.000 fillos de San Froilán, patrón cidade, que resisten cada quince días nas bancadas dun campo con sete teitos diferentes no que aínda hai un sector descuberto. Os valentes de Xeneral deberían ter unha pensión por aturar choiva e tronos nun espazo incapaz de subir a audiencia malia que o equipa viva o mellor momento deportivo da súa historia. Redactar os factores deste desenvolvemento nulo daría para unha serie, pero a inestabilidade dos proxectos deportivos axudou a que se perdese a identificación entre a bancada e o que sucedía no campo. Comuñón que desapareceu co profesionalismo. 

Dende hai uns meses, unha manda de porcos bravos paséase pola cidade das murallas coma se fosen uns veciños máis

 

O Lugo camiña a escuras pola tempada máis competida de Segunda División que se lembra, cunha maioría absoluta de ex Primeiras que queren mudar o seu estado actual de amnesia fubtolística. Mais nese contexto, hainos que están sacando rédito. É moita a presión que recae sobre estes caudillos. O Alcorcón, cun límite salarial e masa social semellantes ao do Lugo, é colíder da categoría. Durante anos foi a besta negra do conxunto lugués, cando estaba baixo o mandato de Bordalás, hoxe no Xetafe. O medo segue sendo libre cada vez que os de vermello e branco ven unha camiseta amarela fronte a eles. 


A decisión do partido foi pola mínima, cun tanto de sobrada calidade de Borja Galán, xogador que chegou libre do Deportivo. Aínda que agora son rivais de categoría, vai anos que as relacións do Lugo co Celta ou o conxunto herculino están mortas. Vai anos que a entidade presidida por Tino Saqués é só unha moeda de cambio da axencia de representantes da cor do director deportivo. Este ano tocou Promosport, que representa Emilio Viqueira, secretario técnico do equipo dende este verán, e que conseguiu colocar entre o primeiro equipo e o filial a un bo feixe de xogadores, tal e como fixera co Nàstic na súa anterior etapa.

Un inverno longo


Fronte ó Alcorcón só unha das altas do verán foi titular: Miguel Vieira, a quen nos temos referido neste espazo como un xogador sobrio e comprometido coa causa luguesa. Xusto unha das incorporacións que non leva o selo do ex xogador santiagués. Ao central luso botoulle o lazo Manolo Mandiá, quen leva anos na sombra desempeñando un labor de casting imprescindíbel para a supervivencia do club. Foi tamén o artífice da incorporación de Vasyl Kravets, lateral ucraíno que volve estar convocado coa selección absoluta do seu país por un mito futbolístico como Andriy Shevchenko

Vai anos que a entidade presidida por Tino Saqués é só unha moeda de cambio da axencia de representantes da cor do director deportivo


Malia a derrota, o CD Lugo tivo ocasións para reter algún punto. Seoane, Muñiz, Dongou ou Campillo dispuxeron de ocasións manifestas que non foron que de desatrancar unha faceta do gol que se lle está a facer moi costa arriba ao equipo da cidade amurallada. Viqueira tiña dous obxectivos fundamentais en verán: fichar un adestrador e un goleador. Polo momento, leva un pleno ao cero nos dous apartados, con Javi López destituído e con homes como Jona ou o propio Dongou incapaces de ver porta. O primeiro nin sequera entrou na convocatoria para este encontro. Xa hai quen insinúa que a cesión do dianteiro hondureño podería ser cancelada en inverno e que o CD Lugo iría a por un ‘9’ nesta ventá. Como quen vai apañar castañas nunha finca chea de eucaliptos. E máis no caso dunha sociedade que repite unha e outra vez que ten un límite salarial que só lle da para comprar cromos e o xornal dos domingos. Algo que está a intranquilizar algúns socios e pequenos accionistas, aínda que as contas dos últimos exercicios se venderon como positivas.


Monteagudo, que leva un par de semanas no banco, quere ser alleo a todo este balbordo extradeportivo que mingua o ánimo de calquera. Vén decidido a aproveitar a súa oportunidade profesional e algún sinal de identidade si foi quen de imprimirlle ao equipo. Aínda que non coa constancia que quixera. Iso si, chegan tempos duros nos que o Lugo visita o Albacete (en postos de promoción), recibe o Córdoba (final anticipada), visita o Sadar (basta dicir o nome deste estadio para saber a que che vén) e tentará a quimérica misión de sacar adiante a eliminatoria contra o Levante. Tempos raros para un Lugo acostumado a vivir das rendas nas segundas voltas logo de primeiras que ilusionan e serven de peto para a primavera. Algún preferiría correr diante dun dos xabarís que andan darredor do Miño…

Comentarios