Opinión

O Lugo somos nós

Podería facer un artigo doado logo da última derrota contra o Albacete. A enésima nunha tempada escura para o CD Lugo. Podería falar con distancia de todos os erros cometidos, da falla de gol, de certos xogadores sen alma… Podería eu e calquera afeccionado albivermello, pero só conseguiriamos fervernos o sangue. Coma un cliente que quere ter a razón. Alguén que entende que no seu abono hai un cupo de vitorias que cubrir e que todo o que se saia desta norma é para que devolvan os cartos e tiren o plantel e o corpo técnico ao Miño.

Mais esa forma de ollar o fútbol non se corresponde nin comigo nin coa da maioría dos seareiros. Asumimos que somos unha masa social pequena dentro do libro de historia que é este ano a Segunda División. Coma unha aldea gala. A maioría das entidades teñen unha obriga social co seu pasado que para nós é allea. O presente é o noso mellor patrimonio. Por iso negámonos a aceptar a resignación como único xeito de ver unha situación deportiva que leva o Lugo a estas alturas do curso a empatar cos postos de descenso.

Ata 2012 este club non sabía o que era estar na categoría de prata, máis aló dunha efeméra aventura na 1992/1993. As boas primeiras voltas dende que ascendemos fan que teñamos a pel moi fina para aturar, dende o inicio, unha secuencia de malos resultados como a que estamos a vivir. Fixéramonos habitantes dunha Arcadia deportiva que ocultaba a ruleta rusa á que se xogou dende o cambio de directiva. Financiabamos unha especie de ETT.

Nada diso permanecerá. Uns pasan. Outros medran. Algún nin sequera saberá onde está. E namentres, na bancada do Estadio do Miño ficaremos coas nosas bufandas. Nelas, impregnados os olores do ascenso contra a Segoviana que nos sacou hai pouco máis dunha década do ostracismo da Terceira na que agora viven o Racing de Ferrol ou a SD Compostela. Tamén no tapabocas o recendo que deixou o penalti de Manu no Carranza que nos trouxo ata aquí. E nos fíos do mesmo un espazo para os tantos que virán, nesta ou noutra categoría. Un longueiro, un colexiado ou un dianteiro coxo poden restarnos puntos en calquera circunstancia. Pero nunca se poden perder os que se xogan dende as bancadas.

 

As boas primeiras voltas dende que ascendemos fan que teñamos a pel moi fina para aturar, dende o inicio, unha secuencia de malos resultados como a que estamos a vivir

 

Nunca asubiei o equipo ao que sigo dende que me declarei en rebeldía fronte á dicomotía dos grandes. Non entendo que os apupos sirvan de motivación a ninguén. Odio os comandantes que alentan a tropa baixo castigo. Cun comportamento así, a reacción só se producirá dentro do vestiario por orgullo propio. Moitas veces individual, no mellor dos casos. Non se construirá ningún sentimiento. O efecto contrario levará o xogador a crerse un simple mercenario sinalado. Pode que nalgún caso se identifique, aínda que non queira, con esa etiqueta, mais desconfío sobre a existencia dun futbolista ao que lle guste perder. Hainos que ven o fútbol como un deporte no que uns adiñeirados en calzóns golpean unha pelota. Plusvalía innecesaria se ao final non meten o esférico na meta rival. Para os 3.000 albivermellos que non poñemos escusas para animar o equipo da nosa cidade, o CD Lugo é o noso maior orgullo. Unha manifestación social que nos permite medirnos de igual a igual a cidades moito máis atendidas polos medios e as institucións que a nosa, incomunicada nun exilio interior galego.

O Lugo son Pita, Seoane ou Iriome, os capitáns que decidiron botar raíces na cidade amurallada. Para os que pesou máis na balanza a tranquilidade que a gula de ofertas que poderían ser pan para hoxe e fame para mañá. Tamén o son outros que viñeron despois como Sergio Gil, Kravets, Leuko ou Campillo, que están a medrar como persoas e futbolistas co peito tinguido das dúas cores que tamén respetan outros xogadores como Juan Carlos, Josete ou outros que acaban de chegar como Vieira. O Lugo tamén son os rapaces da canteira tal que Óscar Rivas, ao que se lle rescindiu a pasada semana o contrato pero que soubo ter o suficiente amor e respecto ao clube na súa despedida. O Lugo será de todo aquel que non negocie coa intensidade e que non se crea mellor que o compañeiro. Pertencerá a quen meta o pé sen medo a escachar as unllas. A quen dispare con corazón e lle sobren litros de suor. E a ese, esta afección nunca nada lle vai reprochar.

 

Non entendo que os apupos sirvan de motivación a ninguén. Odio os comandantes que alentan a tropa baixo castigo

 

Non son os únicos, pero son exemplos de como han ser as rodas que tiren do carro dos nosos soños. Aquel do que levan puxando xeracións e xeracións dende 1953 e que do que nunca nos baixaremos. Porque somos fillos ou netos dos que o fundaron, e curmáns ou sobriños dos que ían velo aos campos de rexional, e seremos as nais e os pais dos que o verán no futuro. Debemos defender sen miramentos esta camisola. A que pedimos que non se lave co resto da roupa. A que poriamos, se nos deixasen, nun acto de gala. O Lugo é o socio da Mariña que engole máis de dúas horas de viaxe para ver o seu equipo. O seguidor de Lemos que mira cara ao norte e tamén devora nacionais sen dar explicacións sobre a orixe da súa paixón. Este club é do que en Madrid, Bruxelas, Londres ou Bos Aires busca un enlace para sentirse preto da casa. O Lugo non está no palco, está no campo e nas bancadas, porque o Lugo somos nós e isto ímolo sacar adiante.

 

 

Comentarios