Opinión

Nin gol, nin 'golo', nin 'goal'

Para explicar a singularidade das linguas en ocasións alúdese á multiplicidade de termos que teñen para expresar un determinado concepto. Aí está o galego e as mil formas que ten para a chuvia e ós seus fenómenos. Algo semellante ocorre co finés e a neve. E no polo oposto está o Lugo e a súa incapacidade para pronunciar a palabra gol en calquera idioma. A amnesia da dianteira albivermella vai camiño de ser endémica. Cando parece que xa teñen o primeiro fonema na punta da lingua, de súpeto, unha alerxia sen control fai que se lles inche a boca para acabar botando o balón fóra. Disparos lonxanos que amarran o equipo na zona baixa da clasificación, de onde non se pode saír sen a chave universal da diana, do golo, do goal, do but, do tor da anotación, do acerto entre os tres paos... 

Porque o Lugo soubo disputar o encontro nun feudo como é o Sadar, onde aínda que se vivan tempos revoltos os afeccionados sempre acoden coa vitoria na cabeza. Os de Monteagudo xogaron como nunca e perderon coma sempre. Por riba, do xeito máis cruel, cun tanto nos últimos intres do encontro froito dunha terrible desconexión defensiva. Cero puntos que supuxeron o desaproveitamento dunha xornada cargada de resultados negativos na parte baixa da táboa. Mais os equipos que habitan nesta xeografía de urxencias están aí por algo. 

Podería ser que a mellora no xogo do Lugo nas últimas xornadas se traduza algún día en tres puntos. Podería se algún dos xogadores de segunda liña coma Iriome ou Campillo puxesen o seu aporte anual de tantos. Porque é certo que os arietes fichados por Emilio Viqueira son un absoluto fracaso, pero non menos real é que a billa dos goles está atrancada tamén noutras fontes nas que este conxunto acostumaba a beber. En realidade é odioso falar tanto de resultados. Sen ver alén do marcador, suprimindo calquera matiz táctico ou humano do xogo. Mais este ano o único que importan son os puntos, como se chegan cun remate de cú despois de rebotar en tres defensas rivais. 

E que se pode agardar? Cristian Herrera mais Dani Escriche foron os elixidos nas últimas xornadas para formar na vangarda. Herrera é o que máis e mellor o tenta, pero está lonxe de ser un goleador nato, malia que si o fora no seu paso polas categorías inferiores da UD Las Palmas. Escriche é un extremo reconvertido a avanzado que supón un agobio pola súa actividade para as defensas rivais, pero que tampouco ten a fisonomía nin o remate dun anotador. Dongou é un xogador ó que non se lle espera. Incapaz de asumir os automatismos dun dianteiro malia que leve toda a vida xogando nesa demarcación. E Jona, que estaba chamado a ser o ‘9’ de referencia, é unha auténtica calamidade. Fronte ó Osasuna saíu no último treito e a súa actuación, aínda que curta, dá para suspenso. Non é posible que sexa o mesmo xogador que leva case 100 goles na súa carreira e que ten un meigallo que leva a todos os equipos nos que está a descender ou a non acadar metas maiores.

Este ano o único que importan son os puntos, como se chegan cun remate de cú despois de rebotar en tres defensas rivais


Amosa unha ansiedade e debilidade psicolóxica inmensa incluso para un xogador que vive do gol e ve que non lle chega. Agarrou un par de balóns no tempo que estivo. Arreou dous broucazos sen xeito. Sen mirar a portería ou quen tiña adiante. Á desesperada, a ver se algún imán dentro do marco rival exercía unha forza positiva para arrastrar o seu balón. Tentativas que non viñeron acompañadas dunha presión posterior. Con moitísima menos carga de minutos que o resto dos seus compañeiros é incapaz de dar unha carreira para defender. Na acción do gol de Osasuna perdeu a marca e facilitou o remate de Iñigo Pérez. Jona está cedido polo Córdoba, un equipo que está peor aínda que o Lugo. Tanto na clasificación coma no apartado económico, cun déficit de 4,2 millóns de euros e causa de disolución. Precisamente, a maior esperanza que teñen agora os albivermellos é atopar catro equipos ós que lles poida ir peor. Os andaluces son un. O Reus anda en liortas semellantes. O Nàstic semella que este ano non vai ser quen de mudar o guion como en cursos anteriores, nos que sacou as castañas do lume cando este xa entraba no seu edificio, un inmoble que estaba comandado na parcela deportiva por Emilio Viqueira, actual director deportivo do Lugo. 


Van tres e quedaría un, nun hipotético caso de que se cumprise este vaticinio, prematuro pola fase da temporada na que aínda estamos. De igual xeito está por ver como resultan as contas da SAD albivermella, que se aprobarán en decembro, e que teñen unha recua de cambios e convenios acumulados. Esperanzas nun mercado de inverno? Poucas. Dende fóra percíbese un divorcio entre a secretaría técnica e a presidencia que estaría levando Tino Saqués a depositar a confianza de parte das altas invernais en Manolo Mandiá. Un home da súa confianza que leva anos traballando na dirección deportiva do club e ó que lle corresponde o mérito de fichaxes coma Miguel Vieira ou Vasyl Kravets. Polo momento, máis efectivas que as que naceron do clientelismo que trouxeron as axencias afíns dos múltiples directores que ten tido o Lugo nos últimos anos.

Esperanzas nun mercado de inverno? Poucas. Dende fóra percíbese un divorcio entre a secretaría técnica e a presidencia

Hai informacións que apuntan a que o club da cidade amurallada estaría sondeando o mercado colombiano en busca dun goleador. A tarefa e o salto non son doados. Só a lembranza da alta de Pablo Caballero na 2014/2015 xera algo de esperanza. O arxentino chegou tamén no inverno e anotou sete goles que foron decisivos na segunda volta do Lugo. Aterrou logo de xogar na China e sen experiencia no fútbol europeo. Pero el si sabía como se pronunciaba a palabra ‘gol’, polo menos sóuboo coa albivermella posta até que se lesionou. O que veña deberá facelo con ganas de comer o mundo ou obter publicidade, que é un sentimento máis comprensible na mecánica do fútbol negocio. Iso, ou que algún dos noqueados pola desgraza anotadora recupere dunha vez a consciencia e aprenda como se redacta a palabra máxima, de tan só tres letras na nosa lingua, para acompañala de cifras o antes posible. 

Comentarios