Opinión

Maquis

 

A vida dos xogadores do CD Lugo este ano é semellante á dos maquis, que tiveron no Piloto de Chantada a súa mellor expresión. Son algo así coma un exército cun nobre ideal: o de botar abaixo ás autoridades que dominan a categoría, apoiadas polo seu pasado de ex Primeiras. Mais están desorganizados e moitas veces actúan co corazón nun puño e coa cabeza noutro continente. Por suposto, malia excepcións, contan co favor do pobo que lles viu medrar. Este sabe agradecer o seu esforzo por tentar un futuro mellor para o club, aínda que tamén sabe que algúns dos que pasaron pola guerrilla foron satélites infiltrados ou membros doutros partidos que o único que querían era protagonismo rápido e sen dor.

 

Por non falar dos desleigados, que prefiren usar o augardente para pasalo ben en vez de para obter calor rápido. Eses non foron convocados na última entrega. Os nomes sábenos ben todos os que baixaron ó Estadio do Miño. Coma pequenos, os que preferiron perder a noite en vez de aproveitar o día nos adestramentos viron o partido dende a bancada. Logo están os cómodos, que agardan a que lles poñan os salmóns na cana, como se facía co ditador.

 

A maior parte destes últimos pensaron que para a vitoria bastaría con ter boas armas e unhas prácticas de tiro. Isto é insuficiente nunha situación bélica na que os combatentes teñen que ser sombras que garden con mil ollos a súa retagarda. E iso é algo quimérico nas últimas xornadas. O propio adestrador do CD Lugo, Alberto Monteagudo, recoñeceuno nalgunha rolda de prensa: “Para gañarmos, precisamos meter tres goles”. Para matar ó inimigo, tres balas, precisamente medidas no corpo, cando o normal é que a mira estea torta. Así é moi difícil saír da clandestinidade. Malia todo, algún dos resistentes destaca pola súa valentía e ten mellor ollo que o resto.

 

É o caso de Lazo, quen soubo sacar do cadaleito ós albivermellos por dúas veces con xogadas individuais nas que amosou a súa calidade. Esta xa se lle presumía dende os primeiros partidos. Os que o viron xogar no Recreativo falaron da súa capacidade para botarse ó equipo enriba nos malos momentos malia superar por pouco a vintena. Non estaría de máis que lle doase algo da súa sangue e do seu talento ó resto do batallón. Os seus disparos supuxeron un punto de inflexión no estado de ánimo deste equipo, acostumado este ano a poñerse por diante no marcador, pero cunha vantaxe que acaba perdendo co paso dos minutos. Sen esta resistencia, hoxe falariamos dun Lugo morto logo dunha derrota contra un rival directo.

 

Na oposición que representaba o Elche militaban dous ex albivermellos como Manu e José Juan. O primeiro ten a honra de ser o autor do gol que levou ó CD Lugo a Segunda División. Malia os seus 10 anos de carné lugués, marchou en 2017 pola porta de atrás. Un dos múltiples erros estratéxicos da directiva actual ten sido desvincularse do pasado. Falta de intelixencia nacida dun odio entre iguales que a SAD tentou remediar este pasado domingo cunha modesta foto. Chega moi tarde. Menos mal que a afección nunca deixou que caera no esquezo a historia do ‘Eterno Capitán’, como tampouco a de José Juan, o noso particular Lev Yashin -a súa referencia-, para quen non houbo agradecemento. Por sorte, grupos como a Sección Lololo demostraron que a auto-organización é a máis sincera das respostas e no día da súa marcha déronlle un merecido agasallo.

 

O relato da permanencia, se é que finalmente consegue escribirse, só vai ser posible co apoio do pobo. Nesta última entrega a masa albivermella respondeu e, na medida dos ánimos, soubo transmitirlle o calor a un equipo inquedo, con actitude mellorada, pero cun descontrol táctico que tampouco convida ó optimismo. Os tres puntos eran o único analxésico que se podía tomar en solitario para calmar ós poucos a dor de testa. O punto é un bálsamo que aumentou o seu efecto polos desastres asinados polo Extremadura, Córdoba e Nàstic, os tres rivais a bater que fican aínda no descenso. Tres hostes aínda peor organizadas que a do CD Lugo. Por agora… Os maquis viaxan á fronte astur, para medirse ó Real Oviedo, a imaxe dun antigo imperio que quere vivir tempos mellores. Se a trullada luguesa é quen de puntuar no Tartiere fará boa esta igualada e poderá albiscar un futuro mellor para a súa xente. Iso si, se espera pola intervención divina dalgunha forza exterior irá cara o pozo.

Comentarios