Opinión

Libertadores

O telexornal con maior audiencia da nosa terra abría o domingo coa previa dun partido entre dous equipos arxentinos que se celebraba a centos de quilómetros. Estaba por diante de calquera nova socieconómica local. A final da Copa Libertadores vendeuse como unha cita para a historia. Una lección do Vello Continente para os indíxenas, que non foran quen de manter a orde na celebración da final entre River e Boca, os dous equipos máis representativos do país e cuxo nivel futbolístico non supera o dun Segunda español. Así o amosaron nun duelo lento e torpe que se levou o conxunto millonario na prórroga, logo de que o seu rival rematara con nove xogadores por mor da expulsión de Barrios e da cambra de Gago.


Xa ten o seu aquel que un torneo denominado Libertadores se xogase na capital do antigo imperio. Tamén convida á reflexión que as autoridades se gabasen de que no Santiago Bernabéu non houbera incidentes, como si ocorreu na volta desta eliminatoria, co ataque ó autobús de Boca. Sobre todo cando hai pouco máis de catro anos se disputou un Atlético de Madrid-Deportivo cun seareiro branquiazul morto no río Manzanares: Jimmy, polo que a familia deportivista aínda pide xustiza. River, que debería gozar do factor cancha, proclamouse vencedor cun aforo mixto, composto por afeccionados españois, algún barra brava descolgado e arxentinos emigrados. 


Moi poucos dos que pagaron a entrada para ver o seu equipo no Monumental puideron facer fronte ós escandalosos prezos que ofrecía o acelerado cambio de sede. As accións estúpidas duns cantos desnaturalizaron un encontro que ata hai unhas semanas só nos interesaba a aqueles que por culpa do insomnio nos enganchamos ás ondas de emisoras como Radio Mitre para seguir un torneo que polo transitor parece un Mundial, grazas ós seus narradores, pero que pola TV é, alén da paixón das hinchadas, é un espectáculo deportivo inferior. 


Pois este produto do fútbol negocio foi o primeiro prato co que almorzamos. Como se a programación estivese feita dende algún centro de galegos de Bos Aires. Ou máis ben non, porque ata eles preferirían trasnoitar para ver o seu Deportivo ou Celta. E mentres se disputaba o partido do século de Latinoamérica en Europa, os da fronte popular do Miño gozabamos co CD Lugo. Esa relixión minoritaria até na propia cidade amurallada pero que cuxas deidades merecen máis o noso culto que ningún. Xa nos custaba repartir o cariño coas dicotomías que nos asulagan como as do Barça-Madrid ou as dos dous grandes equipos galegos como para ter que disimular afecto por outros dous ós que maioría dos que viron a final non viron xogar na vida. 

Mentres se disputaba o partido do século de Latinoamérica en Europa, os da fronte popular do Miño gozabamos co CD Lugo


Os nosos libertadores foron outros. Herrera, Escriche ou Iriome, que nos liberaron de parte dos medos acumuladas nesta dura temporada cunha vitoria polisémica (4-2) fronte a un equipo dos chamados históricos como é a UD Las Palmas. Historias que non gañan partidos e orzamentos que duplican ós do equipo albivermello pero que pola contra non gañan partidos. Este triunfo tivo moitos significados. Foron tres puntos contra a mala sombra que lle perseguía ós de Monteagudo, dominadores nos últimos partidos de liga (e até en gran parte do de Copa fronte ó Levante de Primeira), pero incapaces de traducir esa influencia positiva en goles. Esta vez chegaron nun saco e de formas que no que levabamos de curso non se viran. 


Herrera, dianteiro do Lugo, deixou espido a Herrera, adestrador da UD Las Palmas. Primeiro cun tanto dende os once metros e logo cun remate de ariete. Precisamente un xogador nado en Las Palmas e criado no equipo pío-pío. Suma catro tantos que restablecen algo a lóxica dos máximos anotadores do conxunto lugués. Empata co eterno Pita, mediocentro único que até o de agora reinaba en solitario no apartado de efectividade. Pero é que o seu compañeiro Escriche tamén deu na diana. E incluso puido facelo por partida dobre. Dúas caras dun fulgor atacante que contrastou cos desatinos da defensa. O mundo ó revés do que viña sendo habitual. Isto dilatou o peche do partido para o Lugo. Porque este ano de padecemento continuado non vai haber un encontro tranquilo. Se todos teñen este ritmo e rematan coma este, a maioría estamos dispostos a poñer o corazón nunha bandexa para entregarllo a uns xogadores que están lonxe de ser os mellores, pero que non queren ser peores que o resto. 

Herrera, dianteiro do Lugo, deixou espido a Herrera, adestrador da UD Las Palmas


Mentres máis de un tentaba saber con que equipo da Libertadores ía finalmente, no Estadio do Miño tiñamos claro que iremos en calquera no que militen xogadores coma Iriome. O tinerfeño fixo honra ó seu nome guanche e cravou unha lanza de lume na portería de Nauzet para sentenciar o encontro. Se no caso de Herrera houbo un compoñente emotivo nos goles, no caso deste tinerfeño que xa ten trazas de ser lugués a paixón xa foi desbordada. E iso que un ex do Lugo, o santiagués Álvaro Lemos, quixo incendiar a que fora a súa casa. Non puido. Tampouco os seus compañeiros de renome coma Rubén Castro ou Araujo, que perderon os papeis nun escenario cativo, coas moitas bancadas baleiras, pero que soubo estar no partido que tiña que estar. A compensación a todos os lugueses hipnotizados polo superclásico arxentino asinouna Gonza Bobadilla, quen leva anos xestionando unha conta en Twitter sobre o CD Lugo. El, un seguidor de Almagro sen ningunha vinculación con Galiza que comezou a seguir ó equipo na fase de promoción a Segunda División, coma tantos, namorado polo seu xogo e modestia sen complexos. Un ‘tolo’ que non abandonou na distancia este domingo malia que o seu país tiña a mirada en Madrid. O club albivermello debería pagarlle unha viaxe a este embaixador que devece por ir ó estadio que o lugués medio ignora, para explicarlle que pouco hai máis sagrado que animar ó equipo da súa cidade. 


 

Comentarios