Opinión

Ibuprofeno e xogadas a balón perdido

Ao seareiro do CD Lugo o empate contra o Levante na ida da Copa do Rei sentoulle como un copo de licor café. Grolo doce, o primeiro coa denominación de orixe de Alberto Monteagudo, que serviu, por un intre, para esquecer o tedio da bodega que deixara aberta Javi López, chea de viño de mesa ruín. Pero o seu efecto duraría o que dura a noite. Serviulle ao doente albivermello para ver que era quen de animarse e desinstaloulle a vergonza acumulada nas xornadas anteriores.

Malia a dopamina, o importante ocorrería. O partido contra un Reus marcado polos problemas extradeportivos, coa mesma cantidade raquítica de puntos que o Lugo, serviu de primeiro exame ó novo adestrador. Unha semana de traballo da para o que da. Montegaudo precisa elaborar unha terapia coa que o equipo volva a crer en si mesmo. Polo momento só puido darlle un ibuprofeno para calmar a dor que se traduciu nun empate sen goles. Como resultado, sumar fóra nunca é malo. Pero o 0-0 será validado esta fin de semana no Anxo Carro contra o Alcorcón, a revelació desta campaña-

Mentres durou o efecto do antiinflamatorio, o CD Lugo presionou ao equipo catalán. Fíxoo xogar tan preto da súa portería que semellaba que os locais eran os albivermellos

 

Mentres durou o efecto do antiinflamatorio, o CD Lugo presionou ao equipo catalán. Fíxoo xogar tan preto da súa portería que semellaba que os locais eran os albivermellos. Cando un aplica esta táctica lóstrego de saída ten que ter a sorte ou a certeza de anotar nesa fase. Se non o fai, a segunda metade farase moi longa. Así foi. Cumpriuse o que algún afeccionado do Cartaxena advertira cando se fixo oficial a fichaxe de Monteagudo: “Xoga alto e vivo, pero como non anotes primeiro, logo cústalle moito desatascar os partidos”.

Dani Escriche tivo unha ocasión fronte a Edgar Badía para desatrancar o encontro. O meta barcelonés fíxose máis grande que un muiño para espantar os males. Escriche, que o ano pasado sobresaiu como goleador no filial albivermello (malia ser extremo) ten sido reconducido á posición de dianteiro pola inoperancia dos chamados a ser ‘homes-gol’ do CD Lugo como Jona ou Dongou. Badía é un stakhanovista. Con tan só 26 anos, vense de botar ó equipo enriba nunha mala época para o fútbol reusenc.

Reus pode ser a primeira mazá podre da cesta de Javier Tebas. O actual presidente da Liga presume do férreo control económico ó que somete ás entidades de Primeira e Segunda para evitar escenarios como os que se producían nos ‘90, onde entrar en concurso de acredores era o habitual. O equipo catalán acumula unha débeda de cinco millóns de euros e os seus xogadores teñen pendente de cobro, polo menos, a nómina de setembro. Agora Joan Oliver, máximo accionista desta SAD co 90% dos títulos, agarda a chegada dun inversor sanador. O nome que soa con máis forza é o do representante de futbolistas Jorge Mendes. Se triunfa esta opción, o Reus pasaría a ser un simple laboratorio da súa axencia.

Esta situación non é de agora, pero manifestouse no mercado de verán, no que o Reus tivo problemas para inscribir xogadores, tamén pola correa do límite salarial. Aínda que non moi alto, está é a escusa coa que a directiva do CD Lugo tenta calmar á parroquia luguesa. "Temos un dos máis baixos da categoría, vaiamos a modo". Mais o do Alcorcón é similiar i esta en postos de promoción de ascenso, e o do Reus aínda é inferior.

O actual plantel dos ganxets (alcume co se coñece ao equipo catalá) está formado por un bo número de xogadores do equipo B que milita en Terceira e de vellos guerrilleiros tal que o dianteiro Miguel Linares. Conxuntos coma o CD Lugo devecerían por ter un perfil así nas súas filas. O domingo volveron a sacar a raiba operaria para demostrar que aínda que teñen a auga ó pescozo poden navegar en augas revoltas. E case acadan a vitoria no segundo tempo.

Cando ao Lugo se lle pasou o efecto do ibuprofeno, o partido virou nun exercicio de resistencia. Está por ver se a falta de fondo físico é pola mala preparación que se tiña con Javi López ou se é que non hai batería para máis. Sexa como for, esta dependencia da enerxía podería ser solventada con outros apartados como as xogadas a balón parado. O Lugo dispuxo dun bo lote delas pero non foi quen de xerar unha ocasión de perigo. Máis ben foron xogadas a balón perdido. Nin cando entrou Juan Muñiz en escena, chamado a ser o executor nesta materia. É unha falta grave de traballo para un equipo que non ten xogadores sobresaíntes e que ten nestas ocasións unha fonte de puntos.

En cada balón colgado as lides iguálanse e o conxunto albivermello ten torres como o Miguel Vieira para incendiar o arco rival. O central portugués é unha das notas positivas deste inicio complicado. Chegou a Lugo procedente do Paços de Ferreira, fóra dos circuitos das axencias con máis presenza en Segunda. As mesmas que conseguen tódolos anos colocar ós seus afiliados nos equipos máis modestos. Pase o que pase, atoparán acubillo na categoría. Mentres, en Segunda División B ou ligas menores esmorecen goleadores ou pasadores que, por non ter un bo padriño, nunca serán quen de dar o salto ó fútbol profesional, convertido ás veces nunha pirámide feudal.

Comentarios