Opinión

Até que alguén lle doa

 

Dende hai un tempo o CD Lugo converteuse nunha empresa de traballo temporal. Dun xeito ou outro, moitos clubes viven un continuo ir e vir de xogadores e doutros membros do club, pero poucos de xeito tan agudo como o club albivermello. Dende que Tino Saqués asumiu a maioría accionarial da Sociedade Anónima Deportiva en 2015 téñense sucedido seis adestradores e catro directores deportivos. A última cabeza en decorar o Estadio do Miño foi a do santiagués Emilio Viqueira. Tamén a do seu socio Deus. Ambos os dous chegaron en verán, cando asinaron por catro anos, e vanse sen sequera cumprir o primeiro dos mesmos.

 

Un comeza a pensar que o requisito para vir a Lugo é asinar un contrato longo como parapeto ó repetido incumprimento de contratos. Malia todo, non deixamos de sorprendernos despois de cada decapitación. Neste caso, prematura, sen esperar ó verán como sucedeu con Víctor Moreno. Para que o que veña poida traballar arreo dende xa. Se, por suposto, lle deixan, unha independencia que non semella doada. A paciencia do seareiro albivermello xa non é a que era ó comezo da Era Saqués e desta volta até podería coincidir na necesidade de botar a un director deportivo afiliado a unha axencia de representación. Como todos, dende logo, pero que neste caso particular aproveitou o CD Lugo para colocar a varios dos seus xogadores, aínda que deportivamente non fora necesario. Podería, pero é que cada vez é máis complicado ter empatía con este poder unipersoal que permite a actual lexislación das SAD, na que non existe unha limitación de accións nunha mesma persoa.

 

Saqués deixou pasar o mercado de inverno para amosarlle a porta de saída ós supostos fillos pródigos que volvían a casa

 

O modus operandi de Viqueira non causou sorpresa. O santiagués saiu do Nàstic en verán logo de tres anos bos, nos que foi un artífice do ascenso do club catalán a Segunda, e dous nos que chegaron a pasar case 50 xogadores polo conxunto granada. Este pasou de loitar por ascender a Primeira a salvar a categoría nas últimas xornadas. Hoxe está en descenso, un funesto desenlace que o Lugo ten máis preto este ano ca nunca. Nos últimos cursos, a solvencia dos albivermellos para acadar a salvación tapou os continuos xiros de temón.

 

A ‘Paquí Pallá SAD’ cortou esta semana unha hemorraxia con esparadrapo. Saqués deixou pasar o mercado de inverno para amosarlle a porta de saída ós supostos fillos pródigos que volvían a casa. Un colérico período de fichaxes que definirá a segunda volta do CD Lugo, no que se mesturaron altas co selo Promosport ou Nàstic, os dous principais caladoiros de Viqueira, con operacións que levaron o selo do propio Saqués. O presidente, á vella usanza, encargouse de certificar as vendas de dous activos importantes do club coma Kravets e Azeez. Dous traspasos que supuxeron a mellor ventá de fichaxes do club. En calquera outra entidade isto tería sido un soporte para medrar. Á beira do Miño, os ingresos son un maná que serve para parchear as curvas e máis curvas dunha SAD desvinculada da súa afección e do seu contorno, e cuxa inestabilidade dificulta aínda máis que o estadio presente un aspecto normal para a categoría na que está. Un feudo ó que o ano que vén, se se certifica a salvación, lle agarda unha reforma de miles de euros.

 

Se un rescata a foto inicial do 2015, cando se produciu o cambio de directiva, verá como xa non queda case ninguén dos que comezaron. A imaxe que proxecta o club fai que cada vez sexa máis difícil de convencer a alguén alleo para que se sume a un proxecto que a día de hoxe consiste só nunha idea de supervivencia. E o peor é que non hai vías alternativas. Os pequenos accionistas están a día de hoxe desvinculados das xuntas e un inversor alleo á cidade da tamén arrepío. A situación non cambiará até que á fronte da parcela deportiva ou institucional estea alguén con verdadeira vinculación co CD Lugo. Alguén ó que lle doa se as cousas veñen mal dadas. Alguén que confíe na xente da casa e no fútbol da provincia e da contorna. Alguén como Manolo Mandiá ou Adrián Laureda, responsable do scouting e da canteira do equipo, respectivamente, dos poucos que malia as augas revoltas seguen navegando coa bandeira albivermella na proa. E por riba, ex xogadores, conscientes de onde vén este club e cales son as súas posibilidades.

 

Detrás de cada liquidación, de cada escudo trocado por unha defunción, de cada camisola apagada polas débedas, hai pequenas nacións

 

A Mandiá, ademais, atribúenselle algunhas das mellores fichaxes dos últimos tempos. Sempre estivo nun segundo plano responsable mentres na primeira fila desfilaban directores deportivos que simplemente prestaron servizo a unha empresa que lles pagaba e que lles deu unha liquidación. Agora mesmo só un perfil coma o deles serviría para recuperar a ilusión dunha masa social pequena pero que nunca renegou da súa condición. De feito, cando peor se lle pon o destino, máis tenta secar o malestar para convertelo en folgos. Por eles, dende logo, o fracaso non vai ser barato. Doutro xeito non se explica que algún se arme de valor para acudir a pasada fin de semana a Soria para rematar presenciando un dos peores partidos da temporada (derrota por 3-0). Precisamente nunha fin de semana horrible na que tiveron que botarlle peito para saltarse as alertas por nevaradas. E menos aínda se entendería que despois do sucedido no campo e fóra del algúns convoquen este sábado, por medio da Federación de Peñas, unha xornada de confraternización no Pazo de Feiras. Unha conxura necesaria para outra final contra o Real Zaragoza.

 

Son acenos que os xestores destas empresas deportivas deberían interiorizar antes de tratar coas reglas do capitalismo máis feroz a entidades humanas e sociais polas que a xente sente e padece. Nas últimas semanas dábase a coñecer o borrador da obsoleta Lei do Deporte do 1992. Entre as cuestións que se recollen, a exclusión da obrigatoriedade de converterse en SAD para participar no fútbol profesional. Unha forma xurídica creada nos seus inicios para sanear as contas dos clubes que acabou dándolle a chave da maioría accionarial a empresarios, fondos ou inversores con pouco coñecemento de fútbol e menos sentido pertenza. Porque detrás de cada liquidación, de cada escudo trocado por unha defunción, de cada camisola apagada polas débedas hai pequenas nacións. Colectividades que non entenden que unha das cousas que lle da sentido á súa vida se esvaeza polo mal facer duns poucos. Pero que tampouco ninguén se esqueza de algo: que o Lugo non comezou nin rematará con Saqués, como tampouco o fixo o CD Ourense ou a UD Salamanca, habitantes do camposanto do fútbol estatal que continuaron en forma de algo marabilloso: clubes por iniciativa popular como a UD Ourense e Unionistas, baseados no principio dun socio e un voto. Democráticos, vivos e integrados nas súas comunidades. Nos que a dor e as satisfaccións son patrimonio común. Clubes dos seu afeccionados, sen os que nada disto tería sentido.

Comentarios