Opinión

A bolsa ou a vida? Non, a bolsa e a vida! Historia mínima da OMS

En 1944 Karl Polanyi afirmaba que a gran transformación que o mundo experimentara ao entregarse aos designios destrutivos do libre mercado só se podía entender na súa irracionalidade se se comparaba "coa máis violenta das explosións de fervor relixioso que teña coñecido a historia” pois "no espazo dunha xeración, toda a terra habitada foi sometida á súa corrosiva influencia". Paradoxalmente, ese mesmo ano, a través dos acordos de Bretton Woods, os Estados Unidos, Gran Bretaña e os países industrializados de Europa Occidental deseñaron unha estrutura non democrática de gobernanza mundial que tiña como fin garantir no contexto da segunda posguerra mundial a orde monetaria global necesaria para que pervivise unha economía capitalista que respectase os intereses destes países e mantivese intacta a súa dominación colonial. Para acadar estes fins, acordouse a creación de dúas institucións globais -o Banco Mundial (1944) e o FMI (1945)- que se complementaron en 1948 coa creación da Organización Mundial da Saúde (OMS).

Na década de 1970 a axenda colonial destas tres institucións deu un furibundo xiro neoliberal como consecuencia do final do colonialismo e do abandono do patrón ouro. Este período neoliberal -un colonialismo indirecto de gran alcance- sufriu, á súa vez, unha mutación aínda máis perigosa para a vida en sociedade despois dos atentados do 11 de setembro de 2001. Foi a partir dese momento cando a vixilancia masiva, posibilitada polas grandes empresas de tecnoloxía informática e intelixencia artificial, converteuse nun aliado indispensable da falsa doutrina neoliberal sobre a liberdade e a democracia. Vinte anos máis tarde, a crise do COVID-19 está a presentarse como unha oportunidade única para que da man das grandes potencias financeiras e tecnolóxicas entremos oficialmente nunha nova fase do neoliberalismo: o ultra-liberalismo dixital. Neste novo período de extracción de valor e destrución social, o consumidor, a quen o efémero estado do benestar lle prometera converterse en cidadán, transfórmase en usuario; isto é, nun recurso natural deshumanizado e desregulado –unha especie de mina de carne e óso- do que os grandes poderes extraen impunemente datos cos que enriquecerse.

O terreo parece estar xa fertilizado dabondo, como amosan os proxectos de identificación biométrica asociados á expansión da vacinación masiva como o New ID2020, promovido, entre outros, por GAVI, coa participación da OMS, Microsoft, o Banco Mundial e as grandes compañías farmacéuticas. Non é casualidade que sexa precisamente NewID2020 a plataforma encargada, por designio propio e consenso mundial, de coordinar a realización dun pasaporte global de vacinación que recibe o euxenésico nome de "Good Health Pass", asociando a boa saúde -non o feito de estar ou non infectado- cos dereitos humanos e de cidadanía que permiten a liberdade de movemento.

Cómpre estar, en consecuencia, máis alerta que nunca para non caer de novo nun fervor relixioso como o descrito por Polanyi que nos faga aceptar irracionalmente o mandato autoritario dos tecnócratas a cambio dunha seguridade enganosa. Os conceptos de seguridade e risco sempre foron o cabalo de Troia cos que o capitalismo nos fixo caer na servidume legalizada. Foi, por exemplo, para garantir a seguridade económica que se creou unha estrutura financeira de espolio cidadán como o interese composto, que traspasa todo o risco ao consumidor. Do mesmo xeito, cando a OMS adopta políticas sanitarias (á marxe dunha discusión científica real) que transfiren aos cidadáns o risco sanitario e económico, deixando desprotexidos aos máis vulnerables e facendo vulnerable a toda a poboación, tamén o fai en nome da seguridade. Non nos enganemos. Esta perversa racionalidade ven sendo a lóxica operativa que segue a OMS dende a súa fundación en 1948.

O controvertido historial de globalización sanitaria da OMS

Estudosos como Randall M. Packard ou Mark Harrison amósannos que os intentos de regulación sanitaria global sempre obedeceron aos intereses económicos preponderantes e acabaron por provocar graves crises sanitarias. Neste sentido, a historia da OMS nunca deixou de estar ligada ás axendas das fundacións que a financiaron directa ou indirectamente: se hoxe é a Bill & Melinda Gates Foundation a que leva o mando, nos anos 1950-1960 foron a Ford Foundation e o Population Council (fundado por John D. Rockefeller III) os que guiaron a acción da OMS cara ás políticas de planificación familiar. O gran problema desta colaboración filantrópica é que sempre impuxo á OMS políticas de intervención verticais que, no canto de promover a autonomía médica nos países máis necesitados, sumiunos nunha lóxica de axuda masiva en tempos de crise que beneficiou os intereses especulativos dos grandes poderes. Entre 1973 e 1980, e baixo a presidencia de Halfdan Mahler, a OMS intentou cambiar de rumbo universalizando o sistema médico de atención primaria mediante o impulso da "Declaración de Alma-Ata", cuxo obxectivo era acadar a "Saúde para todos no 2000" (“Health for All by 2000”). Non obstante, este propósito fracasou baixo a presión dos grandes doadores e foi substituído por un sistema selectivo de atención primaria (“Selective Primary Healt Care”).

Este feito non nos debera extrañar, pois a relación da OMS cos países do terceiro mundo sempre foi controvertida. Na crise da débeda experimentada por estes países nos anos oitenta e noventa como consecuencia do “go-go banking” salvaxe dos 70, a OMS pregouse ominosamente aos intereses dos poderes financeiros. Os países do terceiro mundo foron obrigados polo FMI -e coa aprobación da OMS- a abandonar a asistencia sanitaria gratuíta e o investimento en gasto social como condición esencial para refinanciar a súa débeda. Entre os episodios máis controvertidos desta institución está o acordo asinado coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (OIEA) polo que a OMS acorda non interferir nos intereses da primeira, renunciando, por exemplo, se for necesario, a facer estudos médicos en áreas afectadas pola enerxía atómica.

Sen embargo, o gran perigo que hoxe representa a OMS para as nosas liberdades é un fenómeno que se remonta á crise do SARS de 2003, cando esta institución transformouse nunha autoridade mundial antidemocrática que vulnera de facto, en nome da saúde global, as competencias das soberanías nacionais. Segundo contan Marcos Cueto, Theodore Brown e Elizabeth Fee en The World Health Organization. A History, o SARS estendeuse en 2003 desde Vietnam a máis de trinta países e causou unha crise debido, en boa parte, ao colapso dos sistemas de saúde que resultou das reformas económicas neoliberais. A OMS auto-nomeouse autoridade supranacional, declarou niveis de emerxencia nacionais e internacionais, emitiu protocolos sanitarios de actuación e violou as competencias do Canadá, recomendando non viaxar a Toronto (entón un presunto foco da crise). Como resultado, na 61a Asemblea da Saúde celebrada en 2005, a OMS aprobou unha reforma do Regulamento Sanitario Internacional (RSI) que confirmou os seus poderes supranacionais. Segundo o novo regulamento, o director xeral da OMS ten o poder de declarar emerxencias sanitarias internacionais e de denunciar aos países sospeitosos de ocultar ou falsificar datos relacionados cunha eventual pandemia. Pero esta normativa, que se nos presenta de primeiras como unha política global razoable é, en realidade, un grave ataque á soberanía sanitaria dos países que somete a estes e aos seus cidadáns aos intereses – para nada sanitarios- dos grandes intereses financeiros, dixitais e farmacéuticos.

O escándalo estalou durante a crise da gripe porcina (H1N1) de 2009. A OMS foi acusada de aproveitar a súa nova lexitimidade supranacional para esaxerar esta crise e proporcionar beneficios millonarios a empresas farmacéuticas afíns. En concreto, a OMS elevou varias veces o nivel de alarma sanitaria mundial sen que houbese un perigo real aparente e pediu aos gobernos que adquirisen grandes reservas de Tamiflu, un antiviral patentado. En canto quedou claro que a gripe porcina (H1N1) era unha simple crise sanitaria e non unha pandemia, houbo unha onda de indignación ó descubrirse que os gobernos fixeran inútiles investimentos millonarios para mercar un produto que, segundo estudos como o encabezado por Atika Abelin, só puideron producirse a unha escala tan grande despois dunha década de probas. Cando a OMS foi acusada publicamente de corrupción e conflito de intereses coas compañías farmacéuticas, a súa entón presidenta, Margaret Chan, negou en redondo as acusacións e utilizou o mesmo argumento que Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo levan empregando desde marzo de 2020 para evitar toda responsabilidade: ela limitarase a seguir o consello dos expertos.

Tedros Adhanom Ghebreyesus, o actual presidente da OMS, parece estar na liña dalgúns dos líderes máis escandalosos desta institución, ao estilo do famoso Hiroshi Nakajima, acusado, entre outras cousas, de mercar votos ou de tentar contrabandear con valiosas iconas rusas. As acusacións de violacións dos dereitos humanos que pesan sobre el son numerosas e van, desde a neglixencia intencional - causa de miles de mortes - que Human Rights Watch lle atribúe como ministro de Sanidade de Etiopía nas epidemias de cólera de 2006, 2009 e 2011, ata a complicidade coa brutal represión do goberno etíope do que formou parte ocupando tamén a carteira de ministro de Asuntos Exteriores. Entre as controversias máis notorias do seu mandato, destaca a concesión (revogada pola presión pública) do título de embaixador de boa vontade da OMS ao ditador Robert Mugabe. Non obstante, o aspecto do seu mandato que máis debe alertarnos é a promoción dun sistema de saúde universal cunha forte participación privada que vai en detrimento dos sistemas de saúde públicos e universais.

Esta arela de implantar un sistema de saúde universal relaciónase con plans como o de proporcionar unha renda básica universal á cidadanía, defendido nos últimos tempos polo Foro Económico Mundial como un xeito de supervivencia/submisión cidadá no mundo hiper-dixitalizado da cuarta revolución industrial. Estamos diante dun novo exemplo de como as  élites mundiais veñen asumindo dentro da súa política reaccionaria e anti-social as grandes reivindicacións da esquerda e do republicanismo democrático, só que baleirándoas de contido e converténdoas en veleno. É algo que o liberalismo xa fixo no seu día mediante o proceso de expropiación e monopolio da idea republicana-democrática de liberdade. Malia que xa sexa tarde, dende a esquerda deberiamos reaccionar a este espolio conceptual e material.

Comentarios