Opinión

Vista atrás

As autonómicas de 2009 nas que o bipartito tentaba revalidar mandato deixaron para a historia cambios substanciais no xeito de facer política entre nós. Cambios que anunciaban a fin do clima consensual da Transición hoxe evidente. 

O BNG comandado por Anxo Quintana viraba na estratexia comunicativa instaurando xeitos populistas de dirixirse á cidadanía case en tempo real a respecto da publicación de La razón populista de Ernesto Laclau, saído do prelo o ano 2005 e libro que, co tempo, se convertería no catecismo do revival populista que habería implementar Podemos na política estatal. Por outra banda, o PPdG, en comandita cos principais xornais editados en Galiza, emprendeu un tipo de oposición de signo non menos populista –en versión reaccionaria– que empregou, antes de teren ese nome, fake news para furar a confianza dos votantes dos partidos de goberno. 

Hoxe todo isto non nos colle por sorpresa. A política partidaria converteuse nun circo romano no que se masacran cristiáns a diario diante das cámaras. Xa estamos curados de espanto cando vemos a personaxes nocivos coma Ayuso ou Abascal envolverse na palabra liberdade, e sentímonos algo inocentes ao lembrar como as primeiras escaramuzas arredor deste tipo de batallas culturais facían estragos. 

O tempo dá perspectiva e un aprende a valorar mellor o pasado. Naquel BNG quintanista houbo algunhas cualidades que hoxe, cando o soberanismo volve poñer sobre o tapete a necesidade de ensanchar a base electoral, cómpre reivindicar. Pero cómpre facelo sen os ribetes naif que daquela aínda enchoupaban esa estratexia hexemonista. Aspirar a ser hexemónicos non implica desdebuxar o que un é, nin tratar de emular proxectos alleos (“necesitamos un PNV galego”). Implica aprender a convivir coa complexidade. E a complexidade consiste en ser quen de conformar un gran proxecto no que o táctico e o estratéxico convivan con xeito. Reivindicar o feito no pasado non é sinónimo de caer na fascinación acrítica: un dos problemas daquel soberanismo con vontade hexemonista foi descoidar o acompañamento goberno/organización, cadros/militancia, partido/movementos sociais. Exactamente o mesmo erro que cometerá, dun xeito aínda máis pronunciado, toda a corrente política que, desde AGE, acabará formando Podemos ata deixalo na mera plataforma de cadros sen organicidade que hoxe é.

Comentarios