Opinión

Un problema galego

Falábase nun artigo de LVG da longa memoria acumulada no PSOE. Mais está en discusión que o PSOE actual e o anterior á guerra sexan o mesmo. A memoria do PSOE, a súa fortaleza, é que non é só un partido: é un piar do Estado coa vida asegurada no presente réxime. O texto trataba de dar empaque ao acontecido nas primarias do PSdG e, en certa forma, tiña razón: se o PSdG ten algunha memoria esa é a do PSOE. Non pode ter memoria propia quen renuncia a existir.

Porén, ensaiaremos aquí unha breve memoria do PSdG. Coa vitoria de Formoso, o PSdG retoma a súa máis conspicua tradición: liquidar todo liderado galego sostido no tempo no partido. Esta memoria gardouna Touriño, quen falou do PSdG coma dun conxunto de taifas sen visión de conxunto. O ex presidente foi o líder máis lonxevo no cargo: 10 anos. Excepción nunha pasarela de estrelas fugaces: R. Varela, P. Vázquez, Besteiro, Caballero, Formoso. Antes de Touriño, a cousa funcionaba igual: F. Vázquez, Laxe, Presedo, o Caballero vello. O PSdG queima líderes á velocidade da frouma seca.

A falta dunha memoria, propia do PSdG, constitúe o verdadeiro problema do mapa partidario galego. Malia a masoquista problematización do nacionalismo, o caso é que o espazo á esquerda do PSdG se desenvolve bastante ben. Isto sucedeu tanto co BNG como con En Marea. O compoñente nacional-popular fai que esa esquerda supere en porcentaxe a movementos máis ou menos homólogos da maioría dos países europeos, case sempre arredor do 10% (e baixando). Non por casualidade, a lea entre soberanistas e municipalistas-estatalistas foi o núcleo da inviabilidade de En Marea.

Se non soubesemos o segredo da memoria do PSdG poderíase dicir que esta é a forza galega máis ineficiente: goberna cidades e deputacións pero é incapaz de reter unha parte do seu electorado nas galegas. Mais sabemos que o PSdG carece de memoria autónoma porque carece de autonomía e de peso. Sostemos, logo, que o PSdG é moi eficaz: acontece o que se propón. A memoria do PSdG -a do PSOE- relega a Galiza a ser retagarda do PP. A eficacia do PSdG: bloquear a emerxencia dun novo problema nacional para un Estado que xa cambalea co que hai. Con ese fin, o PSdG articúlase como forza municipal, provincial e estatal. Isto é: como forza preautonómica. 

Formoso é o novo líder, mais de momento non estará no Parlamento. A historia non está escrita, pero, no que toca á vontade do PSdG de dar a batalla, a cousa -como en 2020- non pinta ben. Velaí a nosa memoria, mentres cruzamos os dedos. 

Comentarios