Opinión

Tres hipóteses

As eleccións catalás do 14 de febreiro puxeron a proba o «efecto Illa». Efecto limitado que contén os seus «defectos». O PSC reabsorveu os votantes que fuxiran a C's. Un certo regreso á orde tras a Nova Política. Mais os defectos saltan á vista: non liquida aos Comúns e non evita que o independentismo, capitaneado por ERC, non só gañe en votos senón que o faga pola esquerda co ascenso da CUP. Os bloques permanecen, pero o independentismo crece e é máis progresista mentres que o españolismo fascistízase dun xeito explícito.

Estes resultados poden dar pé ao PSOE a optar por tres vías de «xestión». A primeira: tratar de encaixar Catalunya en España para as próximas décadas (a posta ao día da conllevancia orteguiana). Implica aproveitar o espaldarazo que dán ao presidente español os resultados de Illa en comparación cos do PP e, aceptando a lexitimidade que ten ERC e que non hai gobernabilidade do Estado sen partidos cataláns, emprender reformas democratizadoras profundas. A segunda: dedicarse a «redondear» (o hobby preferido de Iván Redondo e Pedro Sánchez). Consiste en seguir ameazando co lobo da estrema dereita para xogar á aritmética variable en Madrid. Ante esta tentación, as esquerdas soberanistas deberían tomar nota, toda vez que vimos como o lobo-Vox apoia o PSOE no importante: o reparto opaco dos fondos europeos. A terceira vía: salvar o soldado PP.

Algo posible dado que a fragmentación da dereita española é disfuncional para o establisment e que, a priori, a UE preferirá unha dereita algo máis homologable que o neofranquismo de Vox. Isto pode substanciarse en apelacións continuas nos medios a esa entelequia chamada «sentido de Estado» e na articulación, non exenta de riscos, dalgún tipo de Gran Coalición «fronte os estremos», para pilotar, dese arriba e coa menor mudanza posible, o problema nacional, a crise institucional e a económica.

A cuestión do reparto dos fondos europeos é a cabeza de león político. En paralelo, dúas cuestións inciden na posibilidade da Gran Coalición: controlar a suba de Vox en vindeiros comicios e facer fronte en comandita sistémica ao reforzamento das opcións soberanistas nas tres nacións sen estado. Todo isto nun contexto de malestar de fondo que vai crecer coas desigualdades que deixará a pandemia e que se está a expresar en cansazo-Covid, en alta abstención electoral e en revoltas populares como a de Linares.

Comentarios