Opinión

Tendencia

Nos últimos días coñecemos tres novas referidas a tres escalas administrativas. Son cuestións de enorme relevancia que marcan tendencia.

Por unha banda, soubemos que baixo o nome de Lei de reactivación económica a Xunta poderá nomear grupos compostos por persoal non funcionario para xestionar os fondos Next Generation. A decisión de Feijóo pretende deixar en mans opacas a xestión de cartos públicos.

Pero de pouco servirá a celeridade de Feijóo se quen sostén a mangueira e dosifica o rego ao seu antollo non está polo labor. No mercado sen pobo que é a UE a mangueira sostena Alemaña e o dosificador de chorros chámase Tribunal Constitucional alemán. Este organismo suspendeu a ratificación por parte do país teutón da ampliación do orzamento comunitario, trámite necesario para impulsar os fondos europeos. O retraso nos prazos de chegada dos fondos pode afectar gravemente a un Estado que, como o español, ve neses cartos o bálsamo de Fierabrás que solucione non só os problemas creados pola pandemia, senón tamén algúns outros relacionados cunha crise de réxime que non se quere abordar e da que o evidente caos no sistema de partidos é só a punta do iceberg. Malia que finalmente as partidas sexan aprobadas, as consecuencias poden devir en experimento darwinista nun lugar con milleiros de traballadores no gume da navalla dos ERTE que, ademais, viu crecer a súa débeda pública por arte de maxia.

O facedor da maxia que converte a débeda privada en pública chámase Luis de Guindos e foi Ministro con Mariano Rajoy. El foi o responsable da creación da Sareb, ente destinado a mercar activos tóxicos aos bancos privados co fin de “sanealos”. Cando se creou a Sareb, de Guindos simulou que a banca privada poría o 55% do capital. Hoxe, a mesma UE que non quería saber nada de deixar caer a banca privada española debido ao montante que esta debía a capitais alemáns e franceses, considera a Sareb empresa pública; a débeda deste “banco malo” endósase á débeda pública estatal que se pon así no 120% do PIB. Hoxe de Guindos é vicepresidente do BCE e o círculo péchase.

Tres novas, tres escalas administrativas e territoriais, unha única tendencia: privatizar o Estado e socializar as perdas. A democracia-liberal é cada vez máis liberal e menos democracia.

Comentarios