Opinión

Señores e servos

O filósofo Friedrich Hegel especulou sobre a relación que se establece entre o que denominaba a conciencia do señor e a conciencia do servo. Segundo este antagonismo, o señor domina o servo porque a súa é unha conciencia sen temor á morte. Mentres que o servo claudica ante o señor debido ao medo á morte da súa conciencia. Pero Hegel daba unha volta de porca á relación sinalando tamén o paradoxal do par dominación/sumisión: o señor non é enteiramente libre. Tamén el precisa a existencia doutra conciencia que o recoñeza, malia que se trate dunha conciencia temerosa, ou, por así dicilo, non digna. Esa dependencia do señor acaba afirmando ao servo que, ao ser recoñecido como necesario, percibe a súa propia valía e comeza a constituírse en conciencia libre, en conciencia non asustada.

Vén todo isto a conto da embestida emprendida polo PPdG contra o BNG e, especialmente, contra Ana Pontón, figura cun valor político de seu. A forzada campaña destinada a relegar a fronte ao marco «terrorismo» (moito se bota en falta o terrorismo nos círculos de poder) ten algo de hegeliana. Esa conciencia todopoderosa que é o PPdG está a recoñecer, con este cambio de marcha, varias cousas. Por unha banda, outorga naquilo no que nunca debe outorgar un señor: o medo. Por outra, recoñece que o BNG é a oposición; algo relativamente novo se temos en conta a tradición de primar ao PSdG como referente mesmo cando é terceira forza. Quéirao ou non, o PPdG deixa entrever que considera o BNG de Ana Pontón o xerme de algo máis que unha conciencia temerosa, algo distinto ao suxeito que acepta o posto que o señor lle ten reservado no reparto de roles. A operación do PPdG ten fortalezas: ese partido controla numerosos medios dispostos a reproducir os seus marcos ideolóxicos para encapsular o BNG nun lugar cómodo.

Tamén é fortaleza súa a querencia que as esquerdas teñen polo nicho e non polas maiorías. Pero o embate ten riscos engadidos: hai unha escisión xeracional a todos os niveis, tamén nos prexuizos e no consumo de información. Cada embate do PPdG que non faga mella no electorado do BNG constitúe un chanzo máis para converter a Ana Pontón e ao conxunto da fronte nunha conciencia con menos medo á morte. Isto é: unha conciencia máis segura de si mesma. Unha conciencia máis atenta á complexidade e máis disposta a facer incursións en terreos non explorados para minar o chan no que se asenta o señor. Unha conciencia, logo, mellor preparada para desbancar a Feijóo do posto de goberno.

Comentarios