Opinión

Saga, fuga e atonía

Prendo a televisión e aparece Sonsoles Ónega repartindo cartas nun deses aquelarres que dan en chamar faladoiro. Ónega, outra de tantas sagas que ocupan, sen solución de continuidade, posicións de poder no Estado español. A herdeira do lambebotas máis acomodaticio do sistema mediático xa está ben colocada, pensei. Coincidiu isto co asunto do negociete das máscaras no concello de Madrid emprendido por un aristócrata malote. Un trepa de media liñaxe, sen oficio nin beneficio, fillo dun duque decadente e unha modelo. Outra saga, pensei. Máis 'carcundia' franquista.

No mesmo curto período de tempo, a saga de todas as sagas, os Borbóns, volven asomar a pata. Cun índice de reprodución digno de coellos, os netos e as fillas do rei comisionista, ao que a xustiza española exonerou de toda causa gratis et amore, visitaron o vello no bazar ultracapitalista e medieval de Abu Dabi para mexárense na cara de todos nós.

Ao sistema comisionista español gústanlle este tipo de escenarios retrocapitalistas: unhas gravacións coas negociacións de Piqué e o presidente da Federación Española de Fútbol para levar a Eurocopa a Arabia Saudí tamén viron a luz estes días.

Na mesma semana, Vox tomaba posesión do goberno de Castela e León co PP. O partido de nada menos que Felipe VI é quen pretende rexenerar a política española. Revulsivo homeopático. Curar sangrando. Entrementres, o houdini Feijóo fuxía da foto empregando o vello xogo dos nenos: Cucú! Tapo a cara e non estou!

Coa inflación disparada, Calviño recomenda moderación salarial: traballadores e traballadoras, habedes ser vós quen comades a suba do custe da vida. Mais o que non se modera é a inflación de merda que produce a política española cada semana: a organización canadense Citizens Lab destapaba que un número de políticos cataláns foran espiados co programa israelí Pegasus que só poden usar os Estados. Margarita Robles, sempre disposta para estas cousas, incidía na exemplaridade da democracia española e Pedro Sánchez programaba unha viaxe a Ucraína para acabar de santificar a Zelinski como modelo de demócrata occidental.

Aquí o mundo divídese entre os que se aproveitan do Estado para medrar e os que padecen a acción do Estado. No medio non hai nada. Un Estado sen nación, sen sociedade, nin comunidade. Átomos apolíticos á espreita de sacar algo da picaresca xeneralizada na costra burocrática. A herdanza de Franco e do Século de Ouro xunguida nun todo que fixo do confinamento pandémico un estilo de vida.

Comentarios