Opinión

Religar

Relixión vén de religare. É coñecido. No fondo, relixión é toda ideoloxía que reconcilia a sociedade consigo mesma. Que actúa como o consenso básico para que a comunidade non se desintegre. Falsa consciencia ou cohesión social? Depende.

No mundo secular no que estamos, máis anómico do previsto polos volterianos, o cristianismo hai tempo que non ten forza para religar por si só. Hegel, malia ser un tipo piadoso, pensou na categoría de eticidade coma o espírito do pobo que actuaba de parapeto na loita de todos contra todos que agromaba co capitalismo. Gramsci diseccionaría ese espírito como hexemonía

O neoliberalismo caracterízase por radicalizar o que Marx sinalaba para o capitalismo do século XIX: facer que ata o máis venerable salte polos aires. Se cadra por iso, Abel Caballero e a súa cidade neoliberal —un non-modelo no que a terceirización low cost suplanta á industria; ou Isabel Ayuso e a súa capital imperial-administrativa devida metrópole global financiarizada, non teñen vergoña en dar a murga co "mellor Nadal do mundo" e en reivindicar as "raíces cristiás de España" diante dun Belén patrocinado.

É todo paródico: os non-valores neoliberais crús espavéntanse sen anestesia desde hai décadas. Pero ninguén quere abandonar de todo unhas prácticas culturais que, no plano emocional, seguen religando, producindo identificacións.

Celebrar o natalicio de Cristo e as colas no Primark de Vialia resulta, como mínimo, contraditorio. Celebralo despois de practicar a necropolítica durante unha pandemia, resulta macabro. Pero desde o emperador romano Constantino I, a utilización dos valores cristiáns polo poder é máis unha regra ca unha excepción. 

Cabe ver aínda, na identificación cos valores cristiáns máis comunistizantes, algo, se cadra nostálxico, se cadra utópico, que recomende dar a batalla contra o seu uso pola dereita? Iso pensaba Pasolini, quen rodou a vida de Xesús segundo Mateo co ánimo de amolar a corrupta democracia cristiá italiana entregada ao "fascismo televisivo-consumista". Unha tentativa loable, malia que a Italia post-case-que-todo do presente convide a tirar a toalla. 

En todo caso, a contenda continúa: diante do poder das igrexas evanxélicas do Brasil, Lula da Silva empregou o arsenal cristián desde posicións progresistas. As correntes ideolóxicas profundas nunca acaban de morrer de todo. O pasado, dicía Joan Margarit, agarda por nós mañá.

Comentarios