Opinión

Reinventar a roda

Alfonso Rueda, herdeiro de Feijóo saltando por riba do pobo galego, protagoniza portadas nas cabeceiras galegas. Os escribas untados afánanse por crear un perfil poliédrico dun vinculeiro romo. Queren que coñezamos canto antes o personaxe para taparnos a persoa.

Descubrimos que Rueda tamén cometeu unha excentricidade electoral de xuventude. Se Núñez foi votante de Felipe González, Rueda foi votante de Coalición Galega. Algún spin doctor debeu pensar que isto mitigaría o colaboracionismo de Rueda coa galegofobia trumpista do PPdeG; cando Feijóo irrompeu contra o bipartito aplicando a máxima de Napoleón: na guerra todo o que conduce á vitoria é lícito.

A poética de Rueda xira arredor da idea de camiño. As reminiscencias son tantas que, Escrivá de Balaguer me perdoe, un non sabería nin por onde comezar. Pero, dixo o poeta, o camiño faise ao andar. Nas reportaxes porno dos media, Rueda aparece coma unha sorte de runner xubilar que, coma Feijóo, tamén tira de roupa oficial do Xacobeo a modo de chándal chavista para sifrinos. A do runner é a mellor metáfora do suxeito solitario neoliberal. A utopía do Superhome ao alcance de todos.

Hai outra reminiscencia do camiño que tamén serve para describir a idea da política que posúe o feijoismo e que, sen dúbida, continuará o ruedismo. Lao Tse escribiu o Libro do Tao e Tao é a palabra chinesa para camiño. O risco principal do Tao é a observación do correr natural das cousas, o baleirado do ego como modo de comprensión da existencia. Actuar a través da inacción. A teoría da política para o Feijóo´s boy é coma un Lao Tse de Decathlon, pedestre, de libro de autoaxuda para triunfadores de aeroporto. Se o seu mestre foi a Barcelona dicir aos cataláns que se dediquen menos á política e máis á economía (que é outro xeito de dicir que non se metan na economía política), Rueda xa anunciou a baixada de impostos como medida estrela do desintervencionismo. A versión tecnocrática do "haga como yo, no se meta en política".

Lao Tse dixo que "quen practica o non-obrar todo o goberna". É esta unha máxima suxestiva que apela á contención e ao autocontrol. Pero malia a imaxe wannabe que pretende proxectar Rueda, un non pode evitar imaxinalo citando este tipo de aforismos coa literalidade garavanceira á que nos ten acostumados a burguesía patria de emprendedores de DOG, de usuarios das portas xiratorias e de veraneantes extasiados co urbanismo terceiromundista de Sanxenxo.

Comentarios