Opinión

Recapitulación e conxuntura

O 15-M foi, no Estado español, o síntoma social daquel “algo vai mal” de Toni Judt. Unha inestabilidade sistémica que estoupara en forma de crise financeira, en 2008, en tanto que crise do modelo da globalización neoliberal e da hexemonía estadounidense. Inestabilidade non concluída que, coa Covid-19, cobra novas facianas e derivacións. 

Aquel síntoma presentaba, na súa positividade, discursos contraditorios e variados. Os propios dos tempos dos monstros. Pairaba daquela unha sorte de toma de consciencia sobre a natureza do Réxime do 78 como marco no que a democracia non era “real”. Un cabreo xeracional que cargaba contra os partidos políticos existentes sen maior discriminación, contra sindicatos e contra medios de comunicación. Naquela ira comandada por quen se incorporaran en masa á universidade e viran como o modelo produtivo non tiña oco para eles, estaba xa, en potencia, a onda de nacionalismo españolista, intolerante coas diferenzas internas, que hoxe vemos florecer en todo o seu esplendor. Ademais, o carácter puramente urbanita do movemento, e da súa posterior plasmación partidaria, anunciaba a falta de alternativas para as zonas rurais damnificadas polo modelo de acumulación, hoxe identifícadas co significante sen significado político claro da “España baleirada”.

Podemos canalizou aquela crítica á “vella política” cunha mestura confusa, no ideolóxico, de rupturismo e neoconstitucionalismo e, no orgánico, de experimentación democrática e axencia de colocación de universitarios frustrados. Demostrouse, así, que das críticas expresadas no 15-M, a de crear novas marcas políticas que substituísen as vellas era o máis fácil. Menos éxito houbo na cuestión da mordaza mediática e, desde logo, da poltrona sindical.

Pasado o tempo do entusiasmo chegou o tempo da incapacidade. O que hoxe queda de Podemos segue a navegar entre os espasmos rupturistas e plurinacionais do Pablo Iglesias metido a xornalista e o carrillismo disfrazado de neolaborismo de Yolanda Díaz e CCOO. A non derrogación da reforma laboral de 2012 é outro paso na volta á orde dunha plataforma electoral máis preocupada por sobrevivir que por ofrecer un proxecto político con capacidade de articularse cos movementos soberanistas arredor dun programa rupturista, republicano e plurinacional. O único que, no medio prazo, pode conter a unha extrema dereita española que, lonxe de ser un alien extravagante, é a saída do armario do núcleo duro do Estado. 

Comentarios