Opinión

Que modelo?

Unha boutade: poucas cousas hai máis incompatibles co capitalismo que o turismo, sobre todo se o entendemos como a arte de visitar lugares históricos ou paraxes naturais e de coñecer culturas peculiares. Se o encanto do visitable reside na súa duración inmutable no tempo, a lóxica do desenvolvemento capitalista baséase en revolucionalo todo. En non deixar pedra sobre pedra. Difícil convivencia.

E porén, mesmo dentro do capitalismo hai xeitos e xeitos de facer as cousas. Vexo as ringleiras de peregrinos e peregrinas do Camiño portugués por unha desas favelas do primeiro mundo que rodean Vigo e compadézome deles. A falta de calquera ordenamento urbanístico deixou uns arrabaldes de ruelas torturadas, casas estrambóticas e novelos de cables á vista. Ideal para instagramear.

A propósito da relación entre o turismo e os incendios forestais destes días, que asolaron lugares tan emblemáticos e interesantes no aspecto natural, histórico e cultural, como o Courel ou a Serra da Enciña da Lastra, pódese dicir algo semellante. Fóra xa das responsabilidades esixibles á Xunta de Galiza no que ten que ver coa falta de medios de extinción ou de prevención, esa institución é responsable por partida dobre. Explícome. Nas últimas décadas, o país basea boa parte do seu futuro económico na especialización da economía ligada ao turismo. Mais esta aposta pola terciarización low cost, problemática en si mesma, agocha outras eivas derivadas da ausencia de políticas públicas dedicadas a coidar aqueles valores que, por sentido común, máis podería interesar conservar a un país que pretende extraer réditos das divisas que deixan os visitantes foráneos.

Galiza conta cunha rede de parques nacionais ridícula. Grandes extensións de territorio de valor paisaxístico e natural, como as que arderon, carecen de toda protección especial. Outras están dedicadas ao monocultivo do eucalipto. O mesmo sucede co patrimonio histórico e cultural. Mesmo lugares especialmente terciarizados como as vilas das Rias Baixas seguen mostrando en todo o esplendor as cicatrices que o 'desarrollismo' nos legou.

Como vai vivir do turismo nun país que arde polos catro costados e cuxas vilas —comparémolas coas de Portugal— semellan feitas por un inimigo? Como manter as paisaxes coidadas sen políticas destinadas a que as actividades agrícolas se manteñan no territorio? Que di deste país que a aldea courelá de Vilar, tachada de aldea modelo, fose pasto das chamas ata a súa destrución?

Comentarios