Opinión

O por que das muiñadas

Primeira muiñada: Pioneiro no uso do termo "España baleira", Sergio del Molino cargou contra as linguas diferentes do castelán e, confundindo a homologación capitalista co triunfo da identidade española, louvou a uniformidade nacional para promocionar o seu último libro Contra a España baleira. Segunda muiñada: Ana Iris Simón, escritora de Campo de Criptana, a terra dos muíños de vento, levantou poeira debido a unha noveliña autobiográfica de ton costumista e vontade de intervención. 

Os grandes medios promocionan a Del Molino con xenerosidade. Tamén a Simón, que ademais foi convidada a conferenciar en Moncloa. As dúas muiñadas contan co apoio ao máis alto nivel. Non se pode considerar o fenómeno, logo, coma un asunto puramente literario. 

Del Molino acuñou un concepto que lle foxe das mans. A súa misión é cortar de raíz o potencial dese concepto e resucitar unha idea cara ao grupo PRISA e ao PSOE: o patriotismo constitucional habermasiano como máscara do nacionalismo español de sempre. O por que da promoción de Del Molino semella obvia: evitar que a proliferación de partidos rexionais, e a súa posible coincidencia de obxectivos cos movementos soberanistas, mirren a hexemonía ideolóxica madrileña en territorios de fala castelá.

O de Simón hai que enmarcalo no eterno dilema do comunismo estatal co tema nacional. O seu libro, no que ten de explicitamente político, sitúa o inicio dos problemas do Estado na entrada na UE. Non hai análise crítica da formación do actual modelo produtivo durante o tardofranquismo e a Transición, nin do papel do PCE neste período, nin da conformación de Madrid como megaurbe financeira, nin reflexión sobre a pluralidade nacional. Simón rememora unha infancia na que Castela se iguala a España; degora a España da peseta e da familia tradicional e sentimentaliza unha década, a dos 90, que máis que arcadia foi colofón.

A diferenza da nostalxia presente en moita literatura galega, a de Simón non estraña os valores comunais do mundo agrario precapitalista, senón un costumismo provincial que non é máis ca subxectividade franquista. O target é diferente ao de Del Molino, apunta á esquerda do PSOE. Os obxectivos semellantes. Trátase tamén de reconducir o potencial político dos pobos da España baleirada e doutros que, como o andaluz, retoman o soberanismo, propoñendo a canalización do malestar como nacionalismo español e esquerda reaccionaria.

Comentarios