Opinión

O PSOE e Carl Schmitt

Soberano é quen decide sobre o estado de excepción, dicía Carl Schmitt. Se trasladamos esa máxima á capacidade que ten un partido para definir a lexitimidade das súas alianzas coxunturais pódese dicir que o partido máis soberano é o PSOE. O PSOE de Sánchez chegou ao poder axitando o medo á ultradereita. Que vén o fascismo! Ante isto, calquera votación que puidese interpretarse coma un risco á continuídade do Goberno era anatemizada. En 2019, a daquela deputada de En Marea, Alexandra Fernández, foi apupada por votar en contra dunha proposta de orzamentos malos para Galiza. Nos orzamentos para 2021 empregouse a mesma treta. Volveuse comprobar a inexistencia política dos deputados galegos de Podemos e a autonomía do BNG. O PSOE, ante a dúbida do que farían os partidos cataláns, non dubidou en aplicar a máxima de Schmitt. Desta volta, a excepción consistía en amarrar con celeridade o apoio de Bildu, partido que, ata entón, representaba a quintaesencia do apestado político.

Pero se xa daquela o partido da rosa fixo gala das súas habilidades, na votación dos fondos europeos do 28 de xaneiro levou a cabo un pinchacarneiro digno dun campión de salto. Ante a negativa de moitos dos grupos políticos que sosteñen o Goberno a votar a prol duns fondos interpretados como antipopulares, o PSOE enfundouse o traxe de Schmitt e concitou os votos favorables de Bildu e de Vox. Atrás quedaba a alerta antifascista. Pouco importaban as eleccións á vista en Cataluña. Agora, en palabras de Sánchez, Abascal tiña máis sentido de Estado que Casado.

Esa votación explicou, como mínimo, tres cousas. A primeira, que Bildu aposta por normalizar a súa presenza na política española e europea, entre outros motivos, supomos, para dar saída a cuestións relacionadas cos presos. A segunda, que a extrema dereita voxista, malia o seu soberanismo retórico, responde máis ao esquema tradicional da dereita española subalterna de potencias estranxeiras que a outros fenómenos equiparables como poidan ser as reminiscencias gaullistas do Front National francés. O sentido de Estado de Vox mostrou o estado do seu sentido. O lobo deveu en caniche. A terceira cousa que evidenciou a votación foi que un partido pode ser a un tempo un mestre da soberanía no campo parlamentario e dedicar ese virtuosismo a calquera cousa menos reforzar o a soberanía popular do Estado español. Velaí, o PSOE.

Comentarios