Opinión

Poñer no mapa

O nome de Galiza é antigo e a súa presenza nos mapas, cristiáns ou árabes, ten longa data. Na tradición emancipadora galega, o mapa de Fontán é case que un fetiche. Unha metáfora da toma de consciencia do país. Pero, que significa que un país se descubra a si mesmo nun mapa? Que significa adquirir a idea nacional recoñecéndose nesa grella mesta de parroquias representada na venerable cartografía? Significa reclamar a titularidade do país para os que o habitan. Este xa non é pertenza de señores ou reis, tampouco de administracións foráneas ou megaempresas globais. Puro principio republicano. Que Alfonso Rueda dixese que a chegada de Juan Carlos I a Sanxenxo "porá Galiza no mapa" é toda unha confesión política e intelectual.

No s. XVI, Etienne de La Boëtie cargaba "contra o un" no Discurso da servidume voluntaria. Laiábase o francés de que os súbditos aceptasen de xeito pasivo "a pillaxe, as concupiscencias, as crueldades" dun monarca convertido no "máis vil da nación". Houbo un tempo en que as mellores plumas hispanas desafiaban a servidume cargando contra os Borbóns. Os irmáns Bécquer airearon a depravación de Isabel II e Valle-Inclán viu no latrocinio de Alfonso XIII a causa do seu desterro. A ambos os dous antepasados imitou Juan Carlos I na súa fuxida. Pero hoxe as plumas máis sonadas dedícanse ás imposturas acomodaticias. Os servos voluntarios aceptaron no seu momento que o cazador de comisións deixase o fillo no trono e hoxe aceptan o seu regreso á península. Entrementres, un mozo rapeiro exiliado gaña de novo en Bélxica á podre xustiza española por dicir do Borbón o que todos sabemos.

La Boëtie desculpaba os que servían ao rei por coacción. Se cadra desculparía aos que aceptaron a monarquía franquista baixo chantaxe. Delgado Gurriarán, republicano e exiliado homenaxeado este ano, escribiu das bondades de Juan Carlos nos tempos da Transición. Que diría hoxe? Aceptaría o fillo co mesmo entusiasmo? La Boëtie alertou do problema desa aceptación primixenia: as xeracións posteriores "non tendo coñecido nunca a liberdade e non coñecendo máis que esa situación, serven sen pena e fan voluntariamente o que os seus predecesores fixeran por coacción". Este semella ser o estado de cousas nun Estado español que podrece en todos os ámbitos ante a pasividade xeral. A única dúbida? Saber canto desa pasividade é servidume voluntaria, canto rabia, canto impotencia, canto frustración.

Comentarios