Opinión

Pequena homenaxe

Hai parroquias, como Santa Mariña de Augas Santas, no concello de Allariz, ou Proendos, no de Sober, que agochan, baixo a súa aparente simple acumulación de casas, alboios e valados outros tesouros que pasan desapercibidos para os ollos non informados ou atentos. Refírome a capas dun palimpsesto conformado, por exemplo, por un petróglifo que colabora no peche dunha finca —como é posible ver na primeira—, ou por un trisquel decorando a parede pétrea dunha vivenda  —como é posible atopar na segunda. Pódese dicir que para as persoas que moran nestas aldeas a Historia, esa cousa algo afastada e escrita con maiúsculas, enguedéllase coma unha hedra coa historia cotiá das súas vidas.

Mais tamén o que na epiderme semella ser só a vulgar e repetitiva estrutura das familias tradicionais pode agochar nos intersticios esculpidos polo tempo achados inesperados, semellantes aos que estas aldeas brindan ao visitante. Descubrimentos que provocan abraio e certo recollemento reflexivo. Iso adoita ser especialmente así cando se trata de biografías desenvolvidas ao longo do moi convulso século XX. Nestes casos, tamén a Historia semella converterse en algo diferente á esperable obxectividade desapaixonada dos tratados para converterse nunha sorte de presenza grande, próxima e desestabilizadora.

Por casualidade, dei co listado que ofrece o libro Galegos no exército de Euzkadi, 1936-1937, escrito por Sergio Balchada Outeiral e editado en 2022 pola Deputación de Pontevedra. Nel atopei o meu propio trisquel trenzado na pedra seca. E tamén a sensación de que a Historia se me achegaba máis do acostumado.

Entre os nomes detallados no anexo atopábase o dun home do que apenas sabía que fora mariñeiro en Redondela e roxo, e que desaparecera despois de embarcar cara a Hondarribia. O meu coñecemento destes datos é tamén bastante recente, así de eficaz resultou o silencio imposto por 40 anos de ditadura e outros tantos de posfranquismo.

Ese home era o meu bisavó. Segundo o libro, Celso Otero enrolouse nas Milicias Antifascistas Obreiras e Campesiñas e caeu nun lugar de Biscaia en 1937 onde, segundo xa puidemos descubrir, non está soterrado.

A busca, pois, continúa. Mais de momento, velaquí vai esta homenaxe a un loitador contra o fascismo que compartía vida cunha muller e unha filla igual de heroicas: Ramona e Teresa. Elas estaban entre aquelas que levaban roupa e comida aos presos da Illa de San Simón. Gloria e honra aos tres.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios