Opinión

Pau de palleiro

Tras o conclave taurino do PP en Valencia, no que non ficou claro se Casado era o toureiro ou o boi mareado por Ayuso, Congreso do PSOE na mesma cidade con regreso de momias: homenaxe a Rubalcaba, sesión de contos do avoíño Felipe González, Fernández Vara a cargo da cousa autonómica, recuperación do fontaneiro Hernando. O PSOE, de novo, con vocación de pau do palleiro do Réxime do 78. Receita para o problema nacional? Descentralización administrativa das sedes. Ou sexa, máis Estado.

No inmediato, algúns nubeiros novos (crise enerxética, debate sobre o regreso da austeridade na UE e condicionalidade dos fondos Next Generation) e vellos: Cataluña, monarquía corrupta, xudicatura reaccionaria, precariedade laboral e pregamento á ditadura do propietariado inmobiliario.

O PSOE, partido con máis mans que Shiva, ensaia a poñer ovos en todos os cestos: aloumiños ao PP cos orzamentos en Andalucía. Achegamento a Feijóo en forma de declaración institucional anti-nacionalismo galego. Onde está o perigo está a salvación: O BNG pode ser emparedado nun sándwich ou elevado, na percepción da xente, á categoría de única alternativa real ao PPdG. Os misterios da dialéctica.

Ao tempo, sen que aos da rosa se lles mova un un pelo, contribución á creación da marca “Yolanda” como imitación política do que CCOO representa no sindical. Podemos non pode consolidarse, pero tampouco pode afundir se non hai quen recolla eses votos. En paralelo: mesa de diálogo sen contido con ERC e achegamentos a Bildu (só así se explica o perdón de Otegi).

O desexo de todos os movementos: algún tipo de estabilidade. Non se sabe aínda cal. Algunha. Problema: as circunstancias que propiciaron a Pax do bipartidismo imperfecto posfranquista, ligada a unhas expectativas optimistas tras 40 anos de ditadura e ensimesmamento, xa non existen. Hoxe todo semella abalar. Debilidades e fortalezas: A estabilidade a través da gran coalición expresa ou encuberta deixa moito terreo de xogo fóra. A favor: asegurar o cumprimento das esixencias do emperador alemán: v.g.: pagamento polas autovías. A estabilidade coas forzas da esquerda e dos soberanismos poría en risco demasiados consensos do Deep State. 

Volve o PSOE ao centro do taboleiro. Ten ganas de peche pero a realidade non se deixa pechar. O taboleiro está sobre areas movedizas. Conseguirá tourear o partido pau de palleiro todos os touros á vez ou acabará sendo el tamén outro boi mareado? Nada é seguro. Afortunadamente.

Comentarios