Opinión

Partido Galeguista

Non hai nada peor que o esquematismo para analizar as correntes políticas. O esquematismo é aquela forma de abordaxe imbuída de ideoloxía, no peor sentido do termo. É a falsa conciencia que concibe os movementos políticos de arriba a abaixo e non de abaixo a arriba. Para o esquematismo as encarnacións históricas concretas deben amoldarse ás ideas abstractas e atemporais, e non á inversa. O esquematismo xebra teoría e praxe.
No que toca á relación entre o PG e o soberanismo marxista, o esquematismo contrapón unha serie de moldes ideolóxicos que, indefectiblemente, conducen á incompatibilidade da relación. Así, o PG sería un partido burgués que, dun xeito automático, tendería a identificarse cun partido de centro-esquerda propio da democracia liberal post-1945. Mais non está nada claro que o PG tivese que desembocar, se o golpe franquista non tronzase, literalmente, a vida dos seus dirixentes, nese tipo de organización e con ese tipo de ideoloxía. Ideoloxía que, por resumir, acollerá -como o seu par de centro-dereita- a teleolóxica idea da Modernización capitalista como compás.

Cando un le as cabezas pensantes do PG pode atopar case que de todo pero hai un elemento que brilla pola súa ausencia: igual que a maioría da intelectualidade europea da época os intelectuais do PG refugaban da idea de progreso lineal e de toda mecanicidade da historia. O seu humanismo facía que rexeitasen de plano o marxismo que coñecían: o evolucionismo da socialdemocracia alemá do s. XIX. Exactamente o mesmo estaban a facer, nesa altura e dentro da tradición marxista, György Lukács, Walter Benjamin ou Antonio Gramsci no campo teórico. E Lenin, quen tivo o atrevemento de liderar unha revolución socialista nun país "atrasado" sen pasar pola "etapa" democrático-burguesa, no campo práctico.

Cando nos anos 60 o nacionalismo galego marxista comeza a organizarse, toma como fonte de inspiración os movementos de liberación nacional do chamado terceiro mundo. Estes están tamén imbuídos de espírito non positivista: loitan por ter un Estado. Encarnan a entrada na Historia dos que Hegel relegara á categoría de "pobos sen historia". Refugallos fósiles do imparable progreso de raíz noreuropea. Ese vencello entre o PG e o nacionalismo marxista actual é máis potente do que se pode pensar e ten a Historia, valga a brincadeira coa vella retórica, da súa parte: nun mundo de límites físicos ao desenvolvemento infinito das forzas produtivas a idea de progreso debe ser repensada si ou si.

Comentarios