Opinión

Partido e líder

Un partido non pode permitirse que se cuestione á persoa que o lidera. Transmítese unha imaxe de debilidade e de insolvencia que cobra factura electoral. É importante que liderado e organización engraxen a súa acción para que cada quen, dende onde lle corresponde, pule na tarefa de acadar os obxectivos marcados. Toda organización ten metas estratéxicas e outras referidas á política do inmediato. Ambas lexítimas e merecentes de atención pero, por forza, ambas suxeitas á xerarquía que impón o campo do razoablemente factible en cada momento histórico. En Galiza, a política do inmediato, despois de longos anos de Executivos Feijóo que deixaron un país exhausto a todos os niveis, pasa por arrebatar o Goberno da Xunta ao PP. Gobernar a institución non é a panacea, pero menos o é ser eterna oposición.

Non se trata de que a persoa que ocupa o liderado goce de carta branca. Si de que o equipo coxunturalmente dirixente poida desenvolver un proxecto que, por forza, ten que aspirar a ocupar espazos electorais que vaian alén do espazo político propio. Conseguir ese equilibrio é síntoma de madureza. 

En Galiza hai unha maioría de esquerdas e galeguista que, a diferenza do que ocorre nos comicios xerais, non se materializa nos autonómicos. Activar estas enerxías capturadas polo PPdeG debería ser unha prioridade.

Ana Pontón, líder do BNG, anunciou o inicio dun período de reflexión sobre o seu papel. Semella que Pontón quere desenvolver un proxecto ambicioso de cara ás vindeiras autonómicas. Sería irracional que a cousa non rematase coa de Sarria comandando unha organización ben engraxada para a tarefa de desaloxar o PP da Xunta en 2024. Ao fin e ao cabo, o que demanda Ana Pontón non é tan diferente do que, desde hai décadas, fai, con contento de toda a organización e éxito electoral, Lores en Pontevedra. 

Por iso, desta volta, eu prefería mostrar preocupación polo liderado de Gonzalo Caballero á fronte do PSdeG, a outra pata necesaria para conseguir o cambio de Goberno no país. Os arcanos da PSdeGaloxía infórmannos de que asistimos, unha vez máis, a un pulso entre os poderes locais do partido da rosa e un líder sen substrato que tenta crear algo así coma unha identidade galega para a organización. Un filme que xa vimos e que nos fai recuncar na opinión de que o "municipalismo" do PSdeG actúa coma un cabalo de Troia que estabiliza a presenza do PP na autonomía. No fondo do cadro, a razón de Estado que non quere unha Galiza con demandas de seu. 

Comentarios