Opinión

O ourizo e o camaleón

Hexemonía e resistencia son dous xeitos de afrontar a estratexia político-cultural que ás veces aparecen coma antagónicos malia non o seren tanto. Na guerra de posicións gramsciana, que articula a hexemonía en tempos de refluxo, o elemento resistente xoga o seu papel.

Dous temas permiten pensar ese par conceptual. Por unha banda, o affair Pardo Bazán. Por outra, a relación do soberanismo galego coa efeméride da II República. Digo xa que, idealmente, torzo pola estratexia inclusiva do «externo» na medida en que se poida. Esa vía outorga á posición propia o carácter «dirixente». Agora ben, incorporar un elemento estraño require primeiro asegurar que a anatomía propia é máis forte que a do elemento a subsumir. No que toca á relación entre galeguismo e españolismo hai que ir con pés de la.

Nos dous temas referidos, aparece unha posición que -imos ser ben pensados- enarbora vontade hexemonista. Proponse, logo, normalizar a Pardo Bazán dentro da literatura/cultura galega en aras do seu feminismo. Sen entrar no que o asunto ten de capote a Feijóo en pleno debate sobre os usos de Meirás, non será ese un criterio demasiado arbitrario para vetar, no futuro, outros persoeiros/as cuxo proxecto e lingua, coma o da condesa, é metropolitano e negador da nosa existencia como suxeito político? Non pode rematar o asunto, cando carecemos mesmo dos resortes autonómicos, nun coadeiro no que todos os gatos tornan pardos? Outro tanto sucede coa cuestión da incorporación da II República ao calendario do soberanismo. Unha experiencia histórica que, segundo o elemento político máis autoconsciente e involucrado do momento -o PG de Castelao-, permitiu comprobar canto había, no republicanismo español, de español e canto de republicano.

A experiencia partidaria recente que nace con AGE e remata, catastroficamente, en En Marea, demostrou onde conduce o hexemonismo entendido como actitude pánfila (no seu sentido etimolóxico: amiga de todos).

Entre a estratexia do ourizo, aquela que pretende recrear unha burbulla intelectual que, infantilmente, xoga a que a acción do mundo exterior sobre o interior non permea e a estratexia do camaleón, aquela que fía todo á súa capacidade de mímese co externo, existe todo un espazo vizoso para incluír sen normalizar. Incorporar sen haxiografíar. Tratar o non homologable como problema, como contradición que, en lugar de disimular, hai que encarar nunha temporalidade decidida por nós e non por axendas espurias; estudándoa, analizándoa, manoseándoa ata impregnala da suor propia para desactivar o que nela hai de desestabilizador.

Comentarios