Opinión

De obxecto a suxeito

O mellor de ser pai é aprender cousas da túa crianza. Hai pouco eu aprendín isto: o poboado máis boreal do Canadá está a menos distancia de Moscova que de Ottawa. Ao pensalo dúas veces o asunto deixa de sorprender pero, ao primeiro, a discordancia entre o real e o conglomerado de pensamentos automáticos que activamos para a súa captación rápida provócanos abraio. Por iso gozamos con este tipo de curiosidades.

A circulación de pensamentos prefabricados sobre Gz e os galegos é constante. Tras o riso televisivo co acento e o episodio “Galicia profunda”, unha ministra repetiu, coma un poste de telégrafo, que a Gz do presente era -ata a chegada do AVE radial- semellante á que describía Valle-Inclán. 

Estes ideoloxemas son como as espigas de orxo que tirabamos uns aos outros á roupa de rapaces: aférranse coma o demo e son difíciles de sacar. Non sendo politicamente neutros, os ideoloxemas dinse a si mesmos a través dos suxeitos mais que polos suxeitos. A repetición por parte dos propios galegos deses lugares comúns dá conta da súa automaticidade. Por iso unha deputada do PSdG foi quen de calificar o sitio no que mora como “noroeste afastado”. Tortícole espacial. Boa parte do novo cinema galego está inzado desa mesma ollada descentrada. Pero, cómpre aclaralo, o descentramento non radica no emprego en si do misterioso, o máxico, o lírico etc. Senón no uso subalternizante que se fai desas estéticas. Cando os homes da Xeración Nós contrapuñan a alma rectilínea artificial mediterránea á alma curvilínea orgánica atlántica trataban de reivindicarse desde a Outredade, non aspiraban a facer de Gz un suxeito pasivo, un obxecto constituído a través da ollada do outro, senón un ser actuante que, desde a alteridade, entrase na Historia cunha ollada de seu. A Gz non cartesiana de Nós era tan proactiva coma a do Curros Enríquez que, desde o positivismo previo á Gran Guerra, vía a locomotora do tren coma o Cristo moderno. Nós somos herdeiros de ambas.

O problema, logo, non é simplemente ver Gz con espírito romántico. O problema é pensar que na conexión Galiza-Madrid só este actúa como pólo activo, irradiando -Íñigo Errejón dixit- a luz meridional do progreso Ilustrado. Mais non á inversa: que tamén Galiza é suxeito con capacidade para irradiar e que, polo tanto, debería profundizar a súa capacidade para decidir cara a onde lle convén máis irradiar. Este erixirse un mesmo en suxeito, non en obxecto, é o grao cero da emancipación en calquera orde da vida.

Comentarios