Opinión

O revés da metáfora

Leo un artigo titulado Los 35 de Sumar y las películas de robos. Non importa o autor. Interesa a metáfora que usa como fío condutor. Revela todo un xeito de entender a política habitual na esquerda estatal post-15M.

No texto confróntanse os filmes de atracos e os de roubos. Expoñente dos primeiros sería La estanquera de Vallecas. Exemplo dos segundos, a saga Ocean´s Eleven. O primeiro tipo iría sobre a "desesperación de quen menos ten". O segundo, sobre "o estilo e a intelixencia", sobre "xogos de sedución disfrazados de partidas de xadrez".

Para o autor, a presentación do equipo de asesores do proxecto de Yolanda Díaz encadraríase no segundo tipo debido a que, como sucede nas pelis de roubos, "facerse co botín non é o máis importante", o importante é "facer avanzar a acción". O dream team tería como fin preparar un proxecto a 10 anos en clave progresista, asegura.

Eu daríalle a volta á metáfora. Para empezar, o filme de Eloy de la Iglesia ten un topónimo no título. Nada máis concreto e situado. Os protagonistas son capas populares que se contan entre as perdedoras da "Transición". Malia a violencia inicial, o filme mostra que estes perdedores gañan algo: os catro acaban conformando unha comunidade interxeracional. Un espazo de comunicación e solidariedade oposto ao Estado.

O título de Ocean´s Eleven contén a palabra océano. É o apelido do xefe da banda, pero tamén o medio no que se forxou o imperio anglo-americano. O escenario da globalización. Os protagonistas son ianquis flotantes que van dando golpes en diversos escenarios globais. No equipo hai de todo, pero abundan as persoas con capital cultural e destrezas propias das profesións liberais; por así dicilo, a clase media dos ladróns. Curiosidade simpática: en Latinoamérica a primeira Ocean´s Eleven traduciuse como La gran estafa.

Non pretendo caer no anti-intelectuaismo. A brillantez individual e o carisma son precisos nun proxecto político. Pero sen unha estrutura sólida e nutrida popularmente debaixo, de pouco vale contar cun cadro de académicos. Non creo que o dream team de Yolanda Díaz estea pensado para o longo prazo. A esquerda hidropónica, como as bicicletas, precisa manterse en movemento continuo para non caer. Cada elección é un fin en si mesmo porque cada revés electoral ameaza con que todo o proxecto esboroe. Para ese cometido, Ocean´s Eleven é un filme máis dinámico e vistoso que La estanquera de Vallecas. Ata aí estamos de acordo.

Comentarios