Opinión

O que faz falta

Propoño un xoguiño heurístico. Formularei uns postulados que, sen seren exhaustivos, poden resultar útiles para comprender un anaco de realidade. Trátase de identificar, no galeguismo (en sentido amplo), que nace na segunda metade do século XX, dúas grandes correntes. A primeira, máis teórica que práctica. A segunda, máis práctica ca teórica. 

Desde a fundación de Galaxia ata o presente, hai un galeguismo que poderiamos chamar 'filosofador'. Ocupa postos nas institucións culturais, tribunas nos grandes medios, crea revistas, produce novelas e poemarios (moi de autor e algo divinos), e está ben situado na Academia. É menos radical na formulación do antagonismo Galiza-España e, por tanto, ten menos vontade de conformar un sentido común diferenciado do da 'progresía' española; na que ademais pretende influír.

A segunda corrente nace coa fundación da UPG e é máis práctica ca teórica. Funda partidos, sindicatos e unha institución á parte da oficial. É o máis parecido a un movemento de masas dentro do campo galeguista. Esta é a súa gran vitoria sobre a outra corrente: en política, desde Maquiavelo, é máis importante ser que filosofar sobre o ser. Os contidos que produce esta póla están, sobre todo, enfocados á creación dun imaxinario compactador e mobilizador. 

Dentro do primeiro grupo hai excepcións. Así, Esquerda Galega era a un tempo un gabinete intelectual e un partido funcional. Pero nada queda de EG a nivel orgánico e o mesmo Camilo Nogueira está integrado no segundo grupo. Outra excepción: En Marea. Experimento que xuntou formalmente o que xa se xuntaba informalmente: do beirismo á socialdemocracia anticomunista, pasando pola extrema esquerda posmoderna e o marxismo-leninismo 'ferrinián'. Unha amalgama con, paradoxalmente, pouca teorización ás costas que só podía rematar como rematou: mal.

Máis achegado ao segundo grupo hai outra excepción: o independentismo. Minoritarios no orgánico, a súa influencia sobre o segundo grupo descansa na produción intelectual. Nas proximidades do independentismo vén de aparecer o Espazo Clara Corbelhe, que explica a arela de producir pensamento crítico desde un enfoque tanto militante coma académico. De momento só temos o primeiro número da revista e os artigos da web. Pero esa dupla filiación, militante e académica, que propicia a actual cohorte de universitarios precarios ou emigrados semella un bo punto de partida para "agitar a malta" das dúas correntes xa sinaladas.

Comentarios