Opinión

O fungo do demo

Segundo Gramsci cómpre estudar o folclore non desde o pintoresquismo senón coma unha concepción da vida e do mundo opostas á oficial. O documental Negro Púrpura (Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva, 2021) amósanos o contacto e choque entre eses dous xeitos de concibir o mundo. 

Comeza o filme cunha cantiga sobre imaxes do Pico Sacro. Mais, en propiedade, o primeiro que se di é: “Daquela era outro mundo”, frase que anuncia que asistiremos ao recordo dos estertores dun tipo de vida hoxe extinguida. As xeracións urbanizadas xa non estamos imbuídos desa visión, se cadra temos outros folclores, se cadra xa non hai folclore cando a cultura se espalla desde centros de saber e información especializados; pero si nos sentimos, por lazos familiares, próximos a ela. Aquela xente era o que poderiamos chamar os nosos indíxenas. Algo a reivindicar, malia que ao neoimperialismo español lle moleste a palabra. 

Á xente que aparece en Negro Púrpura non só dá gusto escoitala pola fonética e prosodia do seu galego, dá gusto escoitala porque, malia que o capitalismo xa penetrara nas súas vidas, gardaba aínda o vestixio doutra xestualidade e doutro ethos. 

A fita cóntanos a historia do caruncho, un fungo con forma de corniño que parasita a espiga do centeo e que, na súa variante cultivada en Galiza e Portugal, viviu, na primeira metade do s. XX, varios períodos de febre semellante á do wolfram. O cornello, que contén alcaloides, era parte da cultura popular debido ao seu uso como abortivo e acelerador do parto, así como polas súas calidades alucinóxenas. Pero tamén foi unha fonte de ingresos para quen o recollía e obxecto de especulación para os mediadores que o almacenaban.

O relato impresionista (con banda sonora lisérxica) tira dunha chea de fíos que conectan o cornello con aspectos insospeitados. Asistimos ao nexo que une o universo máxico medieval coa mentalidade racionalizadora da modernidade. Dos hospitais da orde de San Antón, no Camiño de Santiago, que atendían aos afectados de toda Europa polo consumo de pan de centeo contaminado con cornello, á finca do doutor Juan López Suárez que o producía industrialmente, á creación de Zeltia e á síntese do LSD nun laboratorio suízo. Trátase, en suma, da relación entre o saber popular e a explotación capitalista que aproveitaba a man de obra agraria para a recolección. 

O filme está nos cinemas. Bulide! É un gran traballo que conta parte da historia das clases populares galegas. Da nosa historia.

Comentarios