Opinión

Non olles cara a abaixo

Para Walter  Benjamin  o  mundo  dominado  pola técnica desvalorizou a experiencia. A IGM,  un  shock  para  milleiros  de  mozos,  produciu un ser incapaz de narrar o vivido. As comunidades rotas eran agora "pobres en experiencia". Un século despois, moramos a versión autoirónica do descrito por Benjamin.

O correlato da crise da experiencia é a omnipresenza da nostalxia. A procura do auténtico regresa como neotradicionalismo. Tamén aí repetimos Benjamin. Revisitamos a tradición para salvala das garras do Anticristo, isto é, do fascismo; pois sabemos que este crece vampirizándoa.

Pero,  que  sucede  cando  quen  revisita  a  tradición  con retórica redentora é unha das maiores factorías de alienación? O filme Don't look up (Adam McKay, 2021) reitera o lugar común: ao mainstream cústalle menos imaxinar a fin do mundo que a do capitalismo.

No xeopolítico, non hai alternativa aos EUA: a coalición de Rusia, India e China fracasa na neutralización do meteorito. No político, a impotencia individual dos protagonistas, conscientes da inminencia do impacto, condúceos á reclusión no doméstico. Co espazo público entregado á crematística o mellor é renunciar ao antagonismo.

O científico, incapaz de convencer coa verdade obxectiva e sen a axencia do heroe americano, recrea unha comunidade de sentido a través da imaxinería hexemónica: a celebración do Día de Acción de Grazas. A derradeira cea bíblica como regreso ao momento auténtico. Esta é a cerna do filme. Mais o que fai del un produto reaccionario é a falta de resignificación da tradición. A comunidade secular delega a súa vontade en deus. De tanto ollar cara a arriba, os protagonistas perdéronse no ceo. Esqueceron o Aristóteles que, no cadro de Rafael, indicaba a Platón que cumpría ollar cara a abaixo.

O filme omite toda crítica ao sistema económico para centrarse na decadencia cultural. No xogo seudoradical, o director cébase nos ricos que foxen crioxenizados da Terra: cando se pensaban a salvo nun novo Edén son devorados por unha sorte de réptil prehistórico. A serpe acaba con estes advenedizos Adáns e Evas. Atállase de raíz a refundación do Paraíso sobre novas bases. A xustiza poética non é máis ca unha treta: na Terra devastada, o máis vulgar e materialista dos ricos, o orondo fillo da presidenta, sobrevive á fin do mundo e faise selfies entregado á pobreza de experiencia. A mensaxe implícita é clara: non importa o que suceda, o ethos capitalista, coma un circunspecto tardígrado, é inmortal.

Comentarios