Opinión

Non diga cloaca, diga Madrid

A Corte é unha cloaca que non morre, só se transforma. No século XIX, durante a 1ª restauración borbónica, os amos eran os construtores do ferrocarril. Na 2ª restauración sono os construtores de grandes infraestruturas radiais.

Existe un centralismo de fondo mesmo á hora de escandalizarse cos métodos pouco edificantes polos que as elites se perpetúan. O abraio perante as prácticas mafiosas da Corte é un epifenómeno da propia Corte. En España só chove cando chove en Madrid.

Pablo Iglesias leva un tempo preparando o terreo para golpear contra Ferreras. O argumento central do seu podcast nos últimos meses era o exceso de concentración de poder non democrático nos media. Coa publicación dos audios nos que Ferreras queda retratado como o tipo tóxico que xa semellaba, a liña editorial de Iglesias acada a súa culminación.

Iglesias coincide con Errejón na concepción da política como irradiación do núcleo. Nunca se preocupou pola organicidade. A única base de Iglesias é o seu podcast. Madrileñismo organizativo. En coherencia, Iglesias é máis tacticista que estratega.

Dificilmente podería unha figura política da periferia xogar ao xogo de Iglesias. E non será porque nas periferias non se implicaron as cloacas a fondo. Do País Vasco habería para escribir varios tomos. De Cataluña temos o exemplo da "policía patriótica" e dos explosivos fake dos CDR. No caso galego, o pacto de Felipe González con Fraga para entregar Galiza ao PP pode encadrarse na mesma lóxica. Tamén a recente operación Jaro. Ademais, na súa ramificación mediática "rexional", La Voz de Galicia foi pioneira das fake news na campaña de 2009, un xogo sucio que tamén conseguiu "matar" a Anxo Quintana e elevar a hoxe celebrity Núñez Feijóo.

Agora ben, para coñecer o timming das filtracións hai que estar metido no miolo madrileño. Hai que ter as redes de socialibilidade da gran cloaca do Manzanares. Cabe, logo, preguntarse dúas cousas. 1. Que busca Iglesias co seu podcast? Trátase preparar a rentrée cunha liña política rupturista co réxime do 78 e de alianza cos soberanismos ou de volver a un rupturismo táctico para tocar a moral a unha Yolanda Díaz con ganas de pasar páxina e integrarse? Habémolo ver. 2. O máis importante de todo este 'vodevil': Quen filtrou os audios de Ferreras a Patricia López e por que? Iglesias fai ben en aproveitar a ocasión e López en poñer galóns como xornalista valente pero se isto sae agora é porque a cloaca quere que saia. Haberá máis episodios e iremos armando as pezas do puzzle.

Comentarios