Opinión

Non-92

Andan algúns columnistas da prensa catalá non indepe cunha nostalxia indisimulada pola España de 1992. Aqueles marabillosos anos nos que os grupos de rock comezaron a cantar en inglés e deixaron de falar de política, nos que a burbulla inmobiliaria prometía un maná eterno e nos que Pasqual Maragall aínda non chegara á conclusión de que Madrid "se ía". 

Era unha arcadia bipartidista hexemonizada culturalmente polo PSOE, que funcionaba grazas a CIU e ao PNV. Atópase ben resumida no simbolismo dun ano que, con ironía, o cineasta Luis López Carrasco chamou El año del decubrimiento (2020). Celebrábanse daquela 500 anos da chegada de Colón ao Caribe, iniciándose, así, o que Enrique Dussel alcumou como "o ano do encubrimento do Outro". España "ía ben". Comezaba a parecer un "Estado europeo" e a retórica imperial franquista daba paso ao multiculturalismo neoliberal mentres as empresas "campioas nacionais" recolonizaban Sudamérica. 

Na cinta de López Carrasco móstrase, a través da Cartaxena sometida (un pouco coma Ferrol) á liquidación industrial esixida pola daquela aclamada UE, o recordo e as secuelas da historia subterránea, a barbarie baixo as alfombras, do conto feliz. 

Canda a Expo de Sevilla, que inauguraría a funcionalidade do AVE como radializador da futura España madrileña (e como gran negocio para as construtoras), a re-inventio do Xacobeo, posto a andar por Fraga o ano 1993, tiña todos os compoñentes que demandaban os tempos: narración europeísta, vencellos coa xesta americana a través do Santiago conquistador/evanxelizador e operación conducente á terceirización low cost de Galiza.

Nas marxes absolutas nas que algúns nos moviamos daquela, falabamos do Non-92 e do Sacocheo mentres faciamos pintadas anti-imperialistas nas rúas viguesas con nome de país latinoamericano. Eramos bastante conscientes, sen dispor aínda da palabra, de que detrás dos tres fastos se agochaban operacións xentrificadoras e de limpeza dos centros das cidades.

Hoxe que algúns tratan de concitar a Cataluña de Maragall na "suma" de Yolanda Díaz, a turistificación de Santiago é unha evidencia, o rocabareismo e o neofranquismo é sentido común nas elites e España é un protectorado sen soberanía no que o rei mexa sobre a memoria de Bolívar como antes o fixo sobre as demandas democráticas das nacións sen estado. 

1992-2022: un xiro de 360 graos en 30 anos evocado no verán en que a inflación acada cifras de 1975.

Comentarios