Opinión

Nin a tiros

Dicía Alain Badiou que o século XX levou a cabo o que o século XIX soñou. Pódese dicir que o s. XX foi o século no que a Historia irrompeu con máis forza. Co liderado norteamericano e mais a némese soviética, agora sabémolo ben, as enerxías fósiles fixeron que a segunda metade do s. XX non teña parangón no que se refire a revolucionar a vida humana e a dos ecosistemas. Se cadra por iso, do s. XX pódese dicir o que os Drogas Guais dicían do punk: que non morre nin a tiros. 

Cos cadáveres aínda moles de Gorbachov e Isabel II, dúas iconas do novecento, o espectro dese século regresa. Ata Fukuyama alaba agora a desaparecida socialdemocracia occidental. Será nostalxia daquela paz e abundancia selectivas en tempos que se prevén de guerra e escaseza? O académico desistiu da idea de seguir realizando no s. XXI o que soñaron as últimas décadas do s. XX. Mais como bo liberal, quere facer tortilla sen rachar ovos. Misión improbable.

Canto ao Estado español, a mesma poboación sometida á operación Roca Barea contra a pérfida Albión sofre agora a road movie titulada "Lizzy is in a box". Se cadra para ir adiantando o peche de filas que se producirá cando o Borbón vello tome o mesmo camiño. A peregrinaxe do cadaleito é un espectáculo global. O desfile dun corpo quente que se presenta como antesala distractiva dun inverno que se prevé frío. Entrementres, en Nápoles e Glasgow cidadáns cabreados arrincan motores: o lume come as facturas do gas. E algo máis que os corazóns, cabe aventurar, arderá cando a suba dos tipos de xuro encareza as hipotecas dos endebedados ao límite no Estado español. 

Coa figura política da raíña británica sucede o mesmo que coas lecturas da guerra entre Rusia e a OTAN: non se interpreta igual no norte e no sur global. Para as campiñas europeas acuareladas nos platós de televisión a Raíña do Mundo é pouco menos que unha entrañable anciá que exerceu como símbolo de continuidade e moderación no primeiro país europeo que lle cortou o pescozo a un monarca. En América do sur, en África, en Asia e en Oceanía a señora representa a cabeza visible do odioso imperialismo británico.

Mais se de refuxiarse no s. XX se trata, o mellor é dedicar o tempo a velar o corpo quente de Jean-Luc Godard. Agardando a chegada do inverno, amornando as mans co seu cinema militante nesta sorte de tempo límbico, tratamos de enxergar como será o mundo que ha de substituír a aquel parido nunha centuria que, coma o punk, non morre nin a tiros.

Comentarios