Opinión

Neocasticismo de esquerdas

Dicía Pepe Carreiro, nunha viñeta xenial, que 1898 está de regreso, "pero sen literatura". En realidade, pódese dicir que un pantasma percorre a cultura española de esquerdas: o do neocasticismo. Unha volta do local fronte o global que colma a comprensible saudade difusa por un mundo máis próximo, manexable, entendible. O "cara adentro" que sobrevoa é paralelo ao descubrimento do nacional-popular pola esquerda estatal con Podemos, tras décadas tildando os soberanismos de fenómenos pequeno-burgueses. Tamén é paralelo, non por casualidade, ao repregue e contraataque borbónico desde o alcázar madrileño a toda idea de autodeterminación. 

Os ceos de Barcelona, enchoupados do espírito do Vázquez Montalbán que reivindicaba a copla republicana, pariron con prontitude un neocostumismo netamente progresista. Encadro aí a música de Silvia Pérez Cruz ou de María Arnal e Marc Bagés. O retorno ao familiar prodúcese tamén noutros puntos do Estado: Estamos todas bien, cómic da valenciana Ana Penyas; Los asquerosos, novela do baracaldés Santiago Lorenzo; os aires Vainica Doble da cantante asturiana Lorena Álvarez. 

Pero a profundización neocastiza, cando se catapulta desde Madrid sen a necesaria reflexión sobre a historia española, acaba, tarde ou cedo, transitando por camiños pouco recomendables. Por iso saltan as alarmas perante a translación política de creacións como El madrileño de C. Tangana ou Feria de Ana Iris Simón. Non comprenden isto articulistas que, como Esteban Hernández, recoñecen que o nacional-popular é inherente ao xeito de entender a esquerda nas nacións sen estado. Preguntábase este, no dixital El confidencial, tras a polémica polo discurso de Iris Simón en Moncloa, "por que lo que vale para lo menos (en referencia ás nacións sen estado) es criticable para lo más (o Estado español)." Precisaría máis espazo para responder, pero ensaiarei un resumo explicativo: porque non hai nación española emancipada da continuidade oligárquica que é o Estado, o que fai que a tradución política de certos discursos reforce o marco da estrema dereita, definidora histórica (canda o absolutismo) de que cousa é a nación española.  E isto é así, ademais, porque cando a meseta procura o seu propio espírito nacional-popular adoita concibilo dun xeito expansivo, coma un imposible espírito imperial-popular, que desemboca máis nun xacobinismo esquemático trufado de neofalanxismo, que na súa propia tradición republicana: a do confederalismo comuneiro, a das Xuntas de 1808, a da constitución de 1873, a do cantonalismo.

Comentarios