Opinión

Monstros no xardín

Nun deses actos no que señoros con pinganillos soban as tetas á Transición, Felipe González explicou, con rara sinceridade, como é o Estado español. Fíxoo citando a alguén que describiu Venezuela como "unha partitocracia forte con institucións febles". Preocupado pola rebelión trumpista no PP, suxería González que a crise dun dos partidos de quenda podía xerar un colapso dada a fraxilidade institucional do Estado, máis homologable a un país latinoamericano que (nor)europeo. Por sorte, ao rescate de quenda partiu o soldado Feijóo mentres deixaba Galiza plantada, pendente do teléfono.

Desde 1986, España puido fuxir do sino ao que a abocaba a súa condición de Estado latinoamericano. Europa foi a solución, como quería o filósofo. Pero, tras o estoupido da burbulla, a UE foi tamén o problema: un acredor que controla con man de ferro as políticas económicas. Porén, pode dicirse que a historia xoga a favor de España. Desde, como mínimo, 2001, ano en que o World Trade Center esboroou ante as cámaras de TV, todo occidente está, en boa medida, latinoamericanizándose. Faino a súa estrutura de clases e muda tamén a relación, cada vez máis directa, que teñen as súas masas co lado salvaxe da vida.

Nos felices 90, Beck e Giddens alertaban da "sociedade do risco". A lóxica da excepción, que nos tempos de Weimar Carl Schmitt teorizara como a prerrogativa do home proverbial e Walter Benjamin como o intre do milagre emancipador, convértese en regra. Xa non hai estabilidade nunhas sociedades que viron como a fin da URSS e do movemento obreiro propiciou a pax macroeconómica do cemiterio: desregulación, privatización, déficit cero.

Atentados xihadistas. Crise financeira e climática. Fascismos. Otanización. A lista de interrupcións da paz é longa e, tras os litros de tinta gastados nos padecementos do homo occidentalis na pandemia: a invasión rusa de Ucraína, coas súas estampas de cidadáns brancos e louros, máis sentimentalizables que os africanos, fuxindo da guerra.

Foron moitos os países do sur global que non aceptaron votar a favor das sancións a Rusia na ONU. A xenreira aos EUA é grande e xustificada. Tamén é diferente a interpretación que fan as esquerdas do sur a respecto das esquerdas liberais do norte. Estamos en pleno proceso do que Wallerstein e Arrighi chamaron cambio de hexemonía mundial. É tempo de monstros no "xardín francés" (Borrell dixit). E nin sequera no latinoamericano Estado español, cheo de cadáveres nas cunetas, estabamos preparados.

Comentarios