Opinión

Modelado e pedra

A dislocación entre o aparato formal do Estado e os pobos que encarnaban a materia constituínte era o principal "problema español" para os galeguistas de preguerra. Hespaña era materia sen forma. Humus enclaustrado nunha carcasa opresiva.

Nun libro recente, J.L. Villacañas describe a Franco coma un príncipe maquiavélico capaz de emprender unha "revolución pasiva", é dicir, un cambio histórico pilotado desde arriba. Franco adaptouse cando a IIGM torcía a favor dos aliados e o temor á URSS despuntaba. O apoio do Reino Unido e os EUA permitiu que o réxime modelase ao seu gusto a España do "desarrollismo". Esvaeceron as esperanzas dos galeguistas do interior dispostos a augar a chama republicana que Castelao teimaba en revivir: España non deviría nunha "democracia homologada" tras a derrota de Hitler. O Gatopardo pasoulles por riba.

Ademais do exterminio do "pobo republicano", para Villacañas a gran herdanza de Franco é a creación dunha clase media de propietarios. O novo Estado era continuación da costra deforme levantada no s. XIX; porén, agora habería condicións para transformar a súa materia constitutiva. O modelado foi un éxito. "De la ley a la ley", o espírito franquista segue a rexer nos media, na xudicatura, nas "cloacas", na coroa. O Estado transaccionou as CA cando a palabra autodeterminación rachaba o silencio. As brasas dos pobos republicanos aínda alampaban, mais non o suficiente para evitar a LOAPA.

Nada disto é pasado. Vox é outra embestida contra os pobos republicanos no cu do Título VIII. O "pobo do Estado" -funcionarios, pensionistas, rendistas inmobiliarios- sostén os "partidos do Estado". PSOE, PP e Vox protexen o núcleo duro de toda democratización. Vetan investigar a coroa e a espionaxe como antes fixeron cos GAL. Malia a retórica neoliberal, a oligarquía mimada na ditadura segue a vampirizar o público. Construción, educación concertada, máscaras de estraperlo. A estampa de Jácome agredindo unha sindicalista ante a inacción policial mostra o detrito sociolóxico que producen 40 anos de modelado franquista e outros tantos de amnesia liberal. Nas marxes, os pobos republicanos, gromos da materia chamada a producir novas formas, resisten sen unha folla de ruta clara.

Segundo os gregos, Pegaso era fillo de Medusa. A cabeza de mil serpes que convertía en pedra a quen a ollaba. O Deep State español visto sen filtros é Medusa. 'Pegasus', a súa ollada. E se o poeta dixo que as noites, ademais de longas, son de pedra, é por algo.

Comentarios