Opinión

Meterse nun xardín

O xa clásico G. Lakoff advertiu da potencia das metáforas. As forzas que desatan fan do comentario nimio un campo de minas. Iso lle sucedeu a Borrell a ollos de Borrell. Meteuse nun xardín. Mais un dubida que non coñecese as implicacións de comparar o "xardín" europeo coa "xungla" foránea.

Borrell xa se recoñecera nas teses neoimperialistas de Roca Barea. Nun artigo recente, Sebastiaan Faber apuntaba a proximidade da autora ao PSOE. Malia a inserción internacional e a "modernización" cultural, aínda fica algo do illacionismo español respecto a "Occidente". Por iso a peculiar nostalxia. O século XVI, o franquismo. Tamén o bipartidismo: os "duelos" Sánchez-Feijóo no Senado, o remake de cartelería de Cuéntame.

As palabras de Borrell son máis explicables tendo en conta a españolidade do personaxe. Coma no 98, hai tendencia a refuxiarse nas grandezas pasadas. As adhesións prodúcense en ámbitos que van da cultura máis ou menos alta ata o detrito intelectual: o musical de Nacho Cano. España é impermeable á corrente de revisión histórica (epidérmica, pero revisión) dos imperialismos de raíz eurocéntrica que se está a producir en toda parte; de Inglaterra a Holanda, do Canadá a Australia, de Bélxica a Francia.

Volve cobrar realidade aquilo que dixo Sánchez Cuenca: España é un Estado pequeno de máis para ter unha vida intelectual rica, pero grande de máis para deixarse influír polo que sucede no exterior. Velaí o problema de Borrell, aínda que viva en Bruxelas.

A prensa dos EUA, que algo sabe de tratar os negros coma cidadáns de segunda coidando as maneiras, tiroulle das orellas. A desculpa de Borrell foi peor que a falta. Dixo falar de xardín e de xungla no que se refire ao seguimento de normas internacionais. Como se a postestade de definir a legalidade e a excepción non fose unha continxencia suxeita a lóxicas de poder.

Se Borrell vise O xardín das delicias do Bosco, legado patrimonial da vella España imperial, atoparía toda unha lección de política internacional resumida nun esquema narrativo simple: o tríptico pechado mostra a esfera terrestre. Ao abrilo, vemos o paraíso á esquerda. Un estadio ideal e equilibrado que, entregado á hubris dos praceres sen límite no xardín do centro, crea o seu propio inferno no panel da dereita. Isto é o que todo o sur global lle recorda ao atolondrado xefe da diplomacia-UE: a xungla é inherente ao xardín.

O home europeo, quen levou o inferno ao sur durante séculos, non asume o cambio de tornas. Peor para el.

Comentarios