Opinión

O medo do home branco

É posible atopar unha idea que ordene os acontecementos que se despregan no tempo presente? Non se trata de reducir todo a unha única razón explicativa, senón de aventurar algo que, malia as casualidades, dea sentido ás causalidades. Unha pedra angular que bosquexe un todo. Atrévome a dicir que existe tal idea unificadora e que ten que ver co medo do home branco, entendida esta categoría como unha realidade ideolóxica máis que racial ou de xénero.

Malia as aparentes diferenzas, vemos que o medo do home branco percorre case que todas as posicións políticas. O medo do home branco está detrás do repregamento trumpista e da provocación imperial demócrata. O medo do home branco aparece na dereitización de Europa e na súa supeditación aos EUA, nos disparates da "gran substitución" e no 'rocabareismo', no xardín francés de Borrell e na retórica podre dos valores europeos. O medo do home branco está detrás do conflito de Ucraína, da decisión de Pedro Sánchez sobre o Sáhara Occidental e das consecuencias que terá a contradecisión de Alxeria. O medo do home branco é a preponderancia das clases medias envellecidas na toma de decisión dos países occidentais. O medo do home branco é o propietario rendista despreocupado do futuro dos mozos. Coelliño en pantuflas egoísta e asustado.

O medo do home branco ten cara de chinés a soster a débeda dos EUA, de ruso a cortar o gas, de indio a producir bombas atómicas, de mexicano a recuperar California, de subsahariano a choutar as concertinas. A loita de clases por outros medios, por outros medos. O medo afastado e ubicuo á mancha de sangue semita. O medo do dono da plantación a que o cimarrón lle viole a filla.

Mais o espectro está a encarnarse. Os donos da plantación víronlle as orellas ao lobo nos anos 50 e 60 do século XX. Era só un ensaio. Barbudos e crioulos. Intelectuais de países pobres. Chega agora a segunda onda descolonizadora. Black lives matter. A cousa vai en serio. Os "antropófagos" vannos papar polo simple motivo de que poden facelo: son máis e dirixen algúns dos países máis potentes. Hoxe o kalashnikov é o mísil hipersónico. O xeriátrico euroamericano está á defensiva. Malia a cegueira dos máis naifs, ou dos máis cínicos, o proxecto xeopolítico europeo está kaput e hoxe todos somos aquí potenciais votantes da extrema dereita e hooligans da OTAN.

Das moitas bágoas de occidente que se derramarán, as máis patéticas serán as do Homo Ibericus Catholicus: subfenómeno da branqueo e primeiro chanzo dos Untermenschen.

Comentarios