Opinión

Literatura para tempos confusos

Na novela A ponte sobre o Drina que, para a nosa sorte, conta con tradución ao galego en Rinoceronte, percórrense máis de catro séculos da historia dos Balcáns a través dunha ponte de pedra creada polo imperio Otomán no século XVI e alcanzada polas bombas da Primeira Guerra Mundial, o fito que condicionará a xeopolítica do s. XX, a mesma que hoxe vemos saltar polos aires.

Para Ivo Andric, o autor da novela, a ponte que cruza o río Drina, ao paso por unha remota vila bosníaca, é o símbolo da unión de oriente e occidente, da comunicación entre pobos, do progreso. Mais tampouco escatima matices o serbio. Nunha das pasaxes máis impactantes, descríbese con detalle o empalamento dun labrego que se rebela contra o traballo forzado no levantamento da ponte. Todo elemento positivo, semella querer dicirnos Andric, ten a súa propia carga de negatividade. Mesmo a propicia ponte, concibida para facilitar o encontro das persoas, ten na súa cerna o despregamento da barbarie.

En Crónica de Travnik,  novela do mesmo autor, asistimos ao delicioso antagonismo que se escenifica entre Daville, o maduro consul napoleónico, e De Fosser, o funcionario recén chegado a Bosnia desde París, máis novo e con máis curiosidade pola diversidade do mundo.

De Fosser conversa cos paisanos, interésase pola historia local, polos costumes, pola relixión. Daville, consumido, observa irritado o entusiasmo do rapaz. Os dous homes enléanse a falar sobre a bondade das vías de comunicación abertas polo imperio francés e o contraste cos estragados camiños de cabras bosníacos, á altura da desconfianza dos nativos cara á apertura ao mundo. Daville achaca a querencia polo atraso daquelas xentes ao carácter oriental: os turcos son inherentemente indolentes.

Mais De Fosser faille ver ao seu compatriota o reverso: tamén a minoría católica de Travnik (que leva a universalidade no nome) se opón á apertura de camiños: Un fraile confesáralle que cando os turcos arranxaban a estrada á vila, os católicos aproveitaban as primeiras choivas para obstruíla e estragala. “Canto peor sexa o camiño, menos visitas recibiremos dos turcos”. Pura autodefensa.

Literatura para tempos confusos. Os excesivos Balcáns, onde oriente e occidente se atraen e se repelen, coma pano de fondo para reflectir sobre o oblícuo e contraditorio xeito de ser das cousas.

Comentarios