xoves 02/12/21

Lei e democracia

No debate celebrado o mércores no Congreso dos Deputados, Pablo Casado branqueou a natureza golpista do franquismo. Ata aquí nada novo. Si chamou a atención o xeito en que o fixo. Separou Casado democracia e lei, describindo a guerra civil como “un enfrontamento entre quen querían democracia sen lei e quen querían lei sen democracia”. 

Obviando o absurdo que é ver na II República un réxime sen lei, a frase chama a atención cando se rememora o pasado recente. Nos tempos da Gran Coalición entre socialistas e populares, no País Vasco de finais dos 90, e mais da teoría do “entorno” do xuíz Garzón, a cantinela era contrapoñer “violentos vs. demócratas”. Daquela, o ítem democracia xogaba á alza e resultaba especialmente fácil de asentar cando se contrapuña á estratexia de ETA. Non foi ata o 15-M que o significante democracia foi temporalmente arrebatado, no conxunto do Estado, aos señores do 78. Hoxe os tempos son outros. A democracia cotiza á baixa e, cun 15-M en decadencia, o independentismo que agora máis preocupa ao poder, o catalán, fixo da democracia a súa bandeira, ata o punto de ver como o pobo era mallado só por querer poñer urnas nos colexios. Neste novo contexto ten sentido que Casado enfatice o lado da lei e deixe en segundo lugar o lado da democracia. É difícil xogar no campo da democracia fronte quen só demanda que se profundice nela.

Pero como ninguén minte de xeito completo, a frase de Casado agacha toda unha verdade: A España do posfranquismo é filla da máxima “de la ley a la ley”, expresada polo franquista e redactor da Lei para a Reforma Política Torcuato Fernández Miranda. A Transición permitiu que o marco legal franquista sobrevivise á democratización. Velaí por que o PP salienta a importancia da lei escrita sobre o movemento democrático. 

Como ben sabía Donoso Cortés, a lei na historia española é un dique de contención da democracia, polo que o marco ideolóxico que asenta a frase de Casado é un aviso a navegantes: a ala dura aznarista-voxista manda. Pretenden evitar que o Réxime do 78 deveña noutra cousa. Quérese manter intocado o que hai de franquista no marco legal para que non se democratice a Constitución e, con ela, a cuestión da coroa, o poder xudicial, a policía e o exército.

Na política espectáculo o parecer é tan importante coma o ser. Feijóo non é moderado, pero para gañar en Galiza necesita parecelo; a vitoria deste sobre Cayetana Álvarez de Toledo pode ser pírrica.

Lei e democracia
comentarios