Opinión

Latinoamericanización

Un fenómeno que marca a historia da pobre vertebración nacional de España ten que ver coa súa ambivalencia entre o pasado como cabeza do Imperio Católico e as tentativas liberais para conformarse como Estado-nación moderno. Se a perda das colonias de ultramar no XIX, coincidentes coa total decadencia da metrópole, verificaron que os casteláns eran uns imperialistas fracasados, a incapacidade para evitar a restauración da independencia de Portugal no XVII e para homoxeneizar a pluralidade nacional no XIX e XX verificaron que ese fracaso tamén se extendía á propia península.

Esgotado o tempo do antifranquismo retórico da Transición, o nacionalismo español volve embestir, con cega teima taurina, a través desas dúas vertentes, imperial e estatal, no fondo incompatibles. En certa forma, xa o fixera o PSOE nos fastos de 1992; pero foi a chegada de Aznar o que desempoou máis claramente o espírito renacionalizador para o interior e o atlantista-imperial para o exterior. No presente, todo ese conglomerado ideoloxico goza de boa saúde. Como exemplo, a última ocorrencia dun grupo de freaks para conxugar o imperial-catolicismo co espírito afrancesado. Auténtica tortícole intelectual.

A conxunción de nacionalismo castelán interno e neoimperialismo "iberoesférico" externo é paradoxal: a metrópole parécese máis ás súas antigas colonias, e non só polo declive da clase media. O status privilexiado dado a Madrid como megacidade das elites políticas e económicas globais rodeada dunha periferia de indíxenas arraigados e hostís lembra a fasquía de países como Colombia (onde volven rodar as cabezas das estatuas dos "descubridores" españois) ou Perú (que está a asistir á toma electoral de Lima por parte dos indíxenas rurais). Se cadra as periferias deberiamos honrar o parecido imitando os indíxenas bolivianos de El Alto cando tomaron pola forza as rúas de La Paz.

As conexións do Madrid financeiro co gran capital sudamericano (venezolano, mexicano) son coñecidas. Aí hai que encadrar as invitacións que fai Ayuso ao seu paraíso fiscal, a nova Miami. A esa conexión hai que engadir outra, sinalada por Villacañas, entre as elites madrileñas e o catolicismo hispano dos EUA. Un atlantismo isolacionista a respecto de Europa que se reactivará, no futuro, se se chega a un choque de xurisdiccións debido ás sentenzas do TEDH sobre os represaliados polo 1 de outubro, ou se Escocia abre unha vía política no seo da UE para o recoñecemento de Cataluña.

Comentarios